Na liña de rehabilitación da Memoria Histórica tamén dotarase de puntos de luz ao monumento ás persoas fusiladas na Concheira, en Rande, obxecto de repetidos ataques “por persoas contrarias á democracia, á memoria e á dignidade das persoas asasinadas”
O Concello de Redondela continúa a desenvolver unha intensa política de rehabilitación da Memoria Histórica. Ao fío dos actos de homenaxe ás Mulleres da Illa, o Goberno local vén de instalar no areal de Cesantes un panel que perpetúe a súa memoria. “Non se trata de que sexan recordadas neste momento ou nun corto período de tempo, trátase de perpetuar a súa memoria e o traballo solidario que, con risco para a súa propia vida, desenvolveron para levar axuda e esperanza aos presos políticos que esperaban un futuro máis que incerto na Illa de San Simón”, explica a alcaldesa Digna Rivas.
O panel, con fotografías cedidas por familiares das mulleres, recolle información sobre aquel contexto histórico da posguerra así como unha descrición sintetizada da tarefa realizada por estas veciñas redondelás.
Doutra banda, o Concello anunciou tamén a instalación de puntos de luz no monumento ás persoas fusiladas na Concheira en Rande, que foi obxecto de reiterados ataques “por parte de persoas contrarias á democracia, á memoria e á dignidade de persoas asasinadas por pensar distinto e defender o réxime democrático da República”, apunta a alcaldesa de Redondela.
O concello agarda que os puntos de luz tamén poida servir de disuasión aos elementos da extrema dereita “que rexeitan a convivencia social dentro da pluralidade política e ideolóxica de calquera país democrático”.




