spot_img
InicioGaliciaUn grupo de expertos reunirase para valorar accións conxuntas de protección patrimonial...

Un grupo de expertos reunirase para valorar accións conxuntas de protección patrimonial das figuras de Abraham e Isaac

Un grupo de expertos reunirase para valorar accións conxuntas de protección patrimonial das figuras de Abraham e IsaacCreado a iniciativa da Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, o grupo de expertos para a recuperación das estatuas do Mestre Mateo, está formado por nove especialistas nos ámbitos da cultura, a arte e a xurisdición civil e penal e reunirase por primeira vez o vindeiro mércores
O grupo de expertos para a recuperación das estatuas do Mestre Mateo manterá a súa primeira reunión o próximo mércores logo de que a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago acordaran a súa composición. O obxectivo é estudar as últimas evidencias en torno ás figuras e valorar accións conxuntas para a súa reintegración no patrimonio público, seguindo unha folla de ruta sólida e consensuada como se fixo no caso do Pazo de Meirás.

O equipo está presidido polo profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago (USC) Emilio Grandío Seoane. Como expertos do ámbito da xurisdición civil e penal participan os letrados da Asesoría Xurídica da Xunta Isabel Novo Castro e Guillermo Folgueral Madrigal, o exdirector da Asesoría Xurídica do Concello de Santiago Xoaquín Enrique Monteagudo, o actual director, Manuel Cutrín, e o catedrático de Dereito Civil da Universidade da Coruña (UDC), José Manuel Busto Lago. Do eido cultural e artístico, forman parte o director de Proxectos Culturais e Artísticos do Real Colexio Complutense de Harvard, Francisco Prado-Vilar, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo. Ademais, intégrase neste grupo Javier Suárez en representación da Avogacía do Estado. A función da Secretaría será exercida pola xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

A constitución deste grupo de traballo -acordada polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodriguez, e o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo-, xurde da necesidade de cooperar e avanzar de xeito conxunto entre as distintas administracións para analizar a nova documentación atopada, defender a protección patrimonial das estatuas e acadar acordos que resulten beneficiosos para a cidadanía a través dun labor serio e rigoroso grazas ao asesoramento destes especialistas xurídicos e históricos.

Ben de Interese Cultural

As estatuas de Abraham e Isaac forman parte dun conxunto de nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo procedentes da desaparecida portada occidental da Catedral de Santiago de Compostela e declaradas Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia o pasado ano 2019 como parte do seu compromiso coa súa recuperación para o dominio público. Esta declaración supón obrigas legais para os propietarios, entre elas, a obrigatoriedade de comunicar previamente calquera posible traslado, algo que non consta neste momento na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

En concreto, a lei 5/2016, o 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, recolle que o traslado de bens mobles declarados de interese cultural, como é caso de ambas estatuas, “deberá ser autorizado pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural e anotado no Rexistro de Bens de Interese Cultural”. Así mesmo, “indicaranse a súa orixe e destino, o carácter temporal ou definitivo do traslado e as condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento”.

Igualmente, en relación ao resto de ben mobles, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio están á disposición do que a autoridade xudicial poida determinar ao respecto. Cómpre lembrar que as Torres de Meirás foron declaradas ben de interese cultural, coa categoría de sitio histórico, polo decreto 299/2008, do 30 de decembro.

- Publicidade -spot_img