A presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá un adianto da programación de FITUR, acompañada do presidente do Colexio de Arquitectos de Pontevedra, Manuel Abelleira
Turismo Rías Baixas participa na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que arrinca en Madrid o 20 de xaneiro, cunha nova proposta que busca poñer en valor a arquitectura contemporánea da provincia. “Somos sol, praia, natureza, gastronomía, patrimonio cultural, etnográfico e arqueolóxico, pero tamén somos modernidade e creatividade”, sinalou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a rolda de prensa. “Nos últimos tempos construíronse edificios de gran valor arquitectónico, que continuarán a sorprender as futuras xeracións e farán que estean orgullosas”.
Turismo Rías Baixas contou coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para facer unha selección das edificacións máis representativas da arquitectura contemporánea das últimas décadas. Esta selección darase a coñecer en FITUR o xoves 21 de xaneiro, ás 12:00 horas, nun acto que será retransmitido vía streaming a través da web da Deputación de Pontevedra. A presidenta da Deputación adiantou, ademais, que durante a presentación en Madrid intervirán a actriz viguesa María Castro, en calidade de embaixadora, e o decano do COAG, Antonio Maroño.
A intención de Turismo Rías Baixas é que a escolma de edificacións forme unha nova ruta, que engadirá valor e atractivo á oferta de experiencias culturais e de lecer das Rías Baixas. “A arquitectura é unha das linguaxes máis marabillosas que posúe o ser humano. Un edificio é moito máis ca iso, é un relato que nos fala dos usos para os que se constrúe e de beleza”, asegurou a presidenta. Silva tamén quixo agradecerlles aos concellos a súa aposta pola arquitectura, “o que permite que a nosa provincia teña moito futuro”, dixo. Finalmente anunciou que a institución provincial está preparando un gran evento turístico en Madrid para o mes de marzo, no que están chamados a participar activamente todos os concellos da provincia para decidir os elementos e espazos que queren potenciar.
Pola súa parte, o presidente do Colexio de Arquitectos de Pontevedra, Manuel Abelleira, agradeceulle á Deputación de Pontevedra a sensibilidade que tivo ao centrar a estratexia turística na arquitectura contemporánea, “a gran descoñecida do público”, dixo. “Noutros lugares de Europa, coma Finlandia, a arquitectura é un dos grandes polos de atracción e aquí aínda non se fixo nada para divulgala. Esperemos que, con esta proposta, veñan moitos visitantes. Esta posta en valor é moi importante para nós”.




