spot_img
InicioGaliciaTurismo de Galicia prepara novas accións en 2016 para impulsar e conservar...

Turismo de Galicia prepara novas accións en 2016 para impulsar e conservar os camiños do Norte

novas-accions-en-2016-para-impulsar-e-conservar-os-caminos-do-norte

Turismo de Galicia construirá un novo albergue no Camiño Primitivo, levará a Mondoñedo o Centro de Interpretación do Camiño do Norte e levará a cabo importantes proxectos de sinalización e mellora nos dous itinerarios xacobeos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron hoxe as actuacións estratéxicas que os seus departamentos van desenvolver neste ano 2016 para impulsar os camiños do Norte, declarados o pasado 5 de xullo de 2015 Patrimonio Mundial da UNESCO na 39ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial, celebrada en Bonn (Alemaña).

En concreto, a Consellería de Cultura e Educación ten iniciados xa os trámites para realizar melloras na Catedral de Mondoñedo e no Mosteiro de Sobrado dos Monxes – recoñecidos como bens asociados ao Camiño na Lista do Patrimonio Mundial- ; así como continuar coas tarefas do Plan de Mantemento da Muralla e executar a restauración do cubo VI deste monumento. Así mesmo, e no marco do convenio asinado coa Diocese de Lugo, contémplase a posta en marcha do Museo Diocesano e Catedralicio nesta cidade. O orzamento ascende a máis de 2 millóns de euros entre as actuacións en Mondoñedo e Sobrado dos Monxes, a executar en varias anualidades; que se unen aos preto de 12 millóns de euros que este departamento leva investidos nos 24 concellos (16 da provincia de Lugo e 8 da Coruña) polos que pasan as rutas dos Camiños do Norte, dos que máis de 3,3 millóns se destinan exclusivamente ao monumento que identifica mundialmente a Lugo, a Muralla.

Pola súa parte, Turismo de Galicia, a través do Plan Director do Camiño de Santiago, reforzará as actuacións previstas nestes itinerarios neste ano en base a cinco liñas estratéxicas encamiñadas a mellorar a oferta de albergues, incrementar os servizos aos peregrinos, reforzar o tratamento dos propios camiños, impulsar a súa promoción e afondar na coordinación co resto de administracións, coas institucións eclesiásticas, coas asociacións de Amigos do Camiño e coas outras autonomías polas que pasan os Camiños do Norte.

Tal e como sinalou o conselleiro, a Xunta de Galicia aposta con estas iniciativas por intensificar as accións que impulsen estas rutas e dean unha resposta axeitada á categoría que acaban de adquirir. Neste sentido sinalou que esta declaración, a máxima recoñecida pola UNESCO, é unha clara oportunidade para impulsar o coñecemento destas rutas que conducen á capital de Galicia, do patrimonio cultural que se atopa no seu territorio histórico e, por extensión, os valores da cultura e a identidade galega.

As rutas xacobeas como produto cultural
Neste senso, a directora de Turismo de Galicia destacou que as numerosas distincións outorgadas ao Camiño de Santiago avalan a súa importancia e demostran que as rutas xacobeas son un exemplo de boa práctica e caso de éxito dun produto cultural que exerce un gran impacto no turismo e na economía das rexións polas que transita.

Entre outras accións, Turismo de Galicia puxo xa en marcha a rehabilitación da Casa Pasarin en A Fonsagrada para a construción dun novo albergue no Camiño Primitivo que leva consigo unha inversión de máis de 500.000 euros. Así mesmo, este departamento da Xunta levará a cabo importantes proxectos de sinalización e mellora nos dous itinerarios xacobeos por un valor de 4 millóns de euros. Por outra parte, está previsto o traslado do Centro de Interpretación do Camiño Norte ao Centro Cultural Alcántara en Mondoñedo que leva consigo unha inversión de 40.000 euros. Ademais, Turismo de Galicia mantén un convenio de colaboración co bispado de Lugo, cunha achega de 98.000€, que posibilita a apertura de diversas igrexas no Camiño Primitivo, nos meses de maior afluencia de peregrinos.

Con todo, Turismo de Galicia investirá no impulso e conservación dos Camiños do Norte neste ano 2016 un total de 5 millóns de euros. Nava Castro concluíu afirmando que, grazas á declaración da UNESCO e a celebración do Ano Xubilar da Misericordia, “este ano 2016 será un gran ano para os camiños do norte”.

Catedral de Mondoñedo
Segundo explicou o conselleiro de Cultura e Educación, a catedral de Mondoñedo é un monumento senlleiro do patrimonio cultural de Galicia dun altísimo interese polos seus valores históricos, artísticos, arquitectónicos, relixiosos e urbanísticos, ademais dun dos principais recursos turísticos da zona norte da provincia de Lugo.

Neste momento estanse tramitando as obras −que se poderían licitar nas vindeiras semanas- para a conservación, restauración e rehabilitación do monumento; que se complementará co estudo e traballo técnico necesario para avanzar e mellorar no coñecemento da catedral, na súa diagnose e no deseño de accións futuras de conservación preventiva e actuacións de conservación, restauración e posta en valor. Deste xeito a actuación centrarase na substitución de lousas da cuberta e restauración da estrutura de madeira de soporte de parte delas; revisión, reparación e substitución, se fose o caso, das instalacións de canlóns e baixantes para a evacuación de augas pluviais ; e limpeza e tratamento das colonizacións biolóxicas e sinais ou pegadas que a humidade ocasionada polos fallos das cubertas puidera ter deixado na catedral. Ademais revisarase o estado de conservación da pintura mural da capela maior.

O investimento aproximado será de 1 millón de euros a executar en varias anualidades. Esta nova actuación únese ás desenvolvidas no 2015 para resolver as patoloxías que presentaba a portada occidental do templo a través da restauración deste conxunto pétreo.

Sobrado dos Monxes
Pola súa banda o mosteiro de Sobrado dos Monxes ten unha clara implicación co Camiño, dado o seu papel complementario de albergue de peregrinos. Trátase dun BIC cun altísimo interese derivado dos seus valores históricos, artísticos arquitectónicos, relixiosos e naturais que o converte no principal recurso turístico da bisbarra.

A intervención prevista superará o millón de euros, a executar en varias anualidades, e ten como obxecto corrixir os deterioros derivados da entrada ou presenza de auga ou humidade non desexada no inmoble, así como realizar un estudo básico do inmoble e das súas necesidades de cara á súa conservación e elaboración de outro para a conservación preventiva do monumento. Así mesmo, e aos efectos de completar os usos culturais e públicos vinculados á igrexa e o claustro dos Cabaleiros, o proxecto definirá a actuación necesaria para acondicionar como biblioteca o espazo utilizado pola comunidade como capela e hoxe baleiro de contido.

Cidade de Lugo
O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia lembrou ademais as melloras previstas para a muralla de Lugo, monumento que acumula desde 2009 un investimento de máis de 3,3 millóns de euros por parte do Goberno galego. Neste 2016 continuarase co desenvolvemento do Plan de mantemento da muralla de Lugo, e está xa en tramitación a adxudicación das obras no cubo VI, que consisten na consolidación estrutural dos paramentos deste monumento nun tramo situado á altura da rúa Ourense e afectado por problemas de deterioro da cachotaría e a aparición de fisuras.

“Ademais –lembrou Román Rodríguez–, na cidade de Lugo vimos de asinar un convenio de colaboración coa Diocese de Lugo para a posta en marcha do Museo Diocesano e Catedralicio”, un acordo que permitirá salvagardar o patrimonio histórico e artístico moble deste territorio episcopal que abrangue concellos das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Finalmente Rodríguez González cualificou as intervencións anunciadas como “só é o principio” de todas as actuacións que se poderán realizar para aproveitar esta oportunidade para o progreso e o crecemento intelixente de Galicia. Así mesmo explicou que esta declaración é unha gran responsabilidade, sinalando que é necesaria unha ampla implicación de toda a sociedade galega no coidado do noso patrimonio.

- Publicidade -spot_img