spot_img
InicioGaliciaTurismo de Galicia e o Ministerio de Fomento reunense para acordar os...

Turismo de Galicia e o Ministerio de Fomento reunense para acordar os investimentos a realizar no Camiño Francés

Turismo-Galicia-Ministerio-Fomento-reunense-acordar-investimentos-realizar-Camiño-FrancésA directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse no día de hoxe co director xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo do Ministerio de Fomento, Juan Van Halen. No encontro, celebrado no Consello Económico e Social de Galicia, participaron tamén a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, a xerente de Turismo de Galicia, Elena Barca, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, o subdirector xeral de Arquitectura e Edificación, Javier Martín, e os alcaldes que integran a Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés.

O obxectivo da reunión foi acordar os investimentos que o Ministerio de Fomento acometerá de inmediato neste itinerario xacobeo.

Nos orzamento do Estado para este ano 2015 a dirección xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo do Ministerio de Fomento contempla un investimento plurianual superior aos 2.000.000 de euros para intervencións de interese cultural nestes concellos do Camiño Francés, único dos itinerarios xacobeos declarado Ben de Interese Cultural e Patrimonio Mundial.

Ao longo da xuntanza, na que participaron tamén técnicos de Turismo de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio, foron analizados os posibles ámbitos de intervención a realizar en cada municipio co obxectivo de que estas actuacións sexan realizadas de mutuo acordo entre as tres administracións públicas implicadas.

Nos vindeiros días técnicos do Ministerio de Fomento xunto co persoal de Turismo de Galicia visitará, acompañado dos representantes de cada localidade, os lugares de actuación acordados para, sobre o terreo, definir o alcance destas intervención que comprenderán aos once municipios da Mancomunidade do Camiño Francés.

Durante o encontro, a directora de Turismo de Galicia agradeceu o apoio que o Ministerio de Fomento realiza con estes investimentos na mellora do Camiño de Santiago para lograr tanto un incremento da calidade de vida dos habitantes destes núcleos como para a posta en valor dos elementos patrimoniais vinculados a esta ruta histórica.

- Publicidade -spot_img