spot_img
InicioBaixo MiñoTui celebra un recital poético conmemorativo do CXXXI aniversario dos Xogos Florais...

Tui celebra un recital poético conmemorativo do CXXXI aniversario dos Xogos Florais de Galicia

tui-despide-o-2016-este-venres-cun-concerto-de-fin-de-ano-na-praza-de-fromistaAs voces de Marta Dacosta, Gonzalo Navaza, Lorena Conde e Marga do Val, acompañados pola música de Marta Quintana, protagonizan este acto na praza de Frómista

Revista COUSAS DE Nº13

O Concello de Tui, a través da súa concellería de Cultura, conmemorará o CXXXI aniversario da celebración na nosa cidade dos Xogos Florais de Galicia. Tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 marcando un singular fito na historia de Galicia, ao ser o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua.

Esta conmemoración consistirá na celebración dun recital poético o venres, 24 de xuño, ás 20.00 h na Praza de Frómista (fronte ao Teatro Principal que acolleu os actos centrais destes Xogos Florais), no que participarán as e os poetas: Marta Dacosta, Gonzalo Navaza, Lorena Conde e Marga do Val, acompañados por Marta Quintana que interpretará música de arpa.

Para a concelleira de Cultura do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, estes actos conmemorativos do CXXXI aniversario da celebración en Tui dos Xogos Florais de Galicia, “sitúan por uns días a nosa cidade como protagonista no ámbito da cultura de Galicia e evidencian unha vez máis, a singular achega de Tui á cultura de Galicia realizada ao longo do tempo, salientando este acontecemento dos Xogos Florais que supuxeron a recuperación da nosa lingua no ámbito público”.

Xogos Florais de Galicia, Tui 1891

Estes actos rememoran a celebración en Tui o 24 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado integramente na nosa lingua, e que organizados pola Asemblea Rexionalista Galega, premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía, converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador, sinalando que o principal obxectivo era “o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia”.

Teatro Principal de Tui: O reflexo da sociedade na arquitectura do divertimento

Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista, integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente,  xunto a Eduardo Caballero Canals, o cóengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén cóengo Manuel Lago González, Juan Álvarez Cardero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos, un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo. Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, un banquete “rexionalista” ou a función solemne de San Telmo na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dirixida polo mestre Manuel Martínez Posse. Destacan no programa destes Xogos ás intervencións de Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León ou Alfredo Brañas pero tamén as achegas tudenses: o discurso de Manuel Lago, como voceiro da Xunta Rexionalista de Tui, no acto celebrado no Teatro Principal e titulado “Gabanza da lingua galega” así como o chamado “sermón rexionalista” pronunciado polo cóengo tudense Antonino Cerviño na catedral de Tui.

Para a cidade de Tui estas actos de lembranza daquelas xornadas supoñen evidenciar, nunha nova oportunidade, a singular achega da nosa cidade á cultura de Galicia realizada ao longo do tempo salientando este acontecemento dos Xogos Florais que supuxeron a recuperación da nosa lingua no ámbito público.

- Publicidade -spot_img