spot_img
InicioVal MiñorBaionaTriunfo do regatista vigués Javier de la Gándara no Trofeo Banco...

Triunfo do regatista vigués Javier de la Gándara no Trofeo Banco Sabadell Clase J80

triunfo-do-regatista-vigues-javier-de-la-gandara-no-trofeo-banco-sabadell-clase-j80

O regatista vigués sentenciou a competición este sábado en Baiona tras vencer na última proba dun trofeo no que se impuxo con cotundencia 

A bordo do Okofen e cunha condicións complicadas para a navegación, o histórico regatista vigués Javier de la Gándara asinou este sábado en Baiona a súa vitoria no Trofeo Banco Sabadell Clase J80, unha competición organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio da entidade bancaria catalana.

Con Diego Fernández, Hugo Ferreiro e Jaime de la Gándara completando a tripulación, o Okofen sentenciou o campionato de monotipos con tres primeiros postos e un segundo nas seis probas disputadas na baía baionesa ao longo dos meses de outubro e novembro.

O seu peor resultado, un sexto posto obtido en cuarta xornada, quedou finalmente anulado grazas á aplicación dun descarte, o que propiciou que De la Gándara ampliase aínda máis a distancia con respecto aos seus rivais, chegando a superalos por 11 puntos.
Con 17 puntos, o Namasté liderado por Luís de Mira, e Susana Baena, Javier Torroja, Luís Gutiérrez e Amparo Mollá completando equipo, logrou manterse no segundo posto que arrastraba desde a xornada anterior e fíxose coa prata do trofeo.

A terceira posición, con 19 puntos, foi para o portugués Miudo, que tras cambiar varias veces de tripulantes ao longo da competición, logrou o bronce nesta última xornada da man dos novísimos Francisca Barros, Joao Cunha, Alfonso Leite, Rita Rocha e Matilde Pinheiro.

O cuarto posto foi para o Pazo de Cea de María Campos, o quinto para o Virazón de Miguel Lago e o sexto para o Alumisel de Willy Caamaño. Completaron a clasificación o Luna Nueva de Juan Luís Tuero, o Ferralemes de Enrique Porto e o Pousado de Fernándo Yáñez.

A xornada regatera deste sábado finalizou cunha cea de confraternización organizada polo Monte Real Club de Yates para toda a frota de J80 que participou no trofeo, e na que tamén estivo presente, en representación da entidade patrocinadora, José Celada, director de banca privada Galicia Sur de Banco Sabadell.

Durante a mesma, o vicepresidente do club baionés, Alejandro Retolaza, agradeceu a aposta do Banco Sabadell polo Monte Real, facendo posible – dixo – un ano máis, a celebración da liga de monotipos do club, á que se van sumando cada vez máis embarcacións.

Coa entrega de premios do Trofeo Banco Sabadell, o Monte Real Club de Yates pon o punto e final á tempada de regatas do 2016, na que ademais de celebrar as súas competicións máis tradicionais, como o Trofeo Príncipe de Asturias ou o Trofeo Conde de Gondomar, o club volveu ás regatas internacionais da man da Baiona Angra Atlantic Race.

De fronte ao 2017, o Monte Real ten xa en axenda un bo número de regatas e actividades coas que quere seguir apostando por potenciar a vela en Galicia, tanto a través de competicións náuticas, como de formación desde a base, a través das súas Escolas de Vela Lixeira e Cruceiro, e da súa Escola de Vela Adaptada para persoas con discapacidade.

- Publicidade -spot_img