Unha trintena de representantes de quince concellos galegos visitaron a semana pasada os campamentos saharauís en Tindouf (Alxeria) co fin de coñecer de primeira man a realidade das persoas refuxiadas e os proxectos de axuda humanitaria impulsados desde Galicia, así como visibilizar o apoio institucional das administracións locais á causa saharauí. A misión política está organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade canda a Delegación da República Árabe Saharauí Democrática en Galicia e España e a ONGD Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.
A axenda en terreo deu comezo o mércores cun recibimento por parte da gobernadora de Bojador, Dih Chadad, quen, alén de dar a benvida á delegación, defendeu o “dereito á autodeterminación do pobo saharauí” e chamou aos responsables municipais a “concienciar sobre esta causa xusta nos seus territorios”. A Wilaya de Bojador é unha das cinco provincias nas que se organizan os campamentos -mantendo a estrutura administrativa da RASD- e é tamén na que se concentra a cooperación tanto da Xunta de Galicia como do Fondo Galego, especialmente nas áreas de sanidade e medio ambiente.
Pola súa parte, o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan González, amosouse aberto a “seguir cooperando cos campamentos saharauís, tamén con achegas específicas dos propios concellos”. Neste senso, Nigrán e Moaña están a apoiar a través do Fondo Galego o proxecto Nadafa, que busca reforzar a xestión dos residuos traballando nunha dobre vertente: mellorar a recollida de lixo mediante a dotación de persoal e materiais, e realizar actividades de sensibilización para que a veciñanza, especialmente a máis nova, contribúa a manter limpa a súa contorna.
A delegación galega poderá supervisar in situ esta iniciativa, se ben nas primeiras horas de estancia xa tiveron a oportunidade de visitar unha planta de reciclaxe de residuos ou as instalacións da Media Lúa Vermella Saharauí. Nos próximos días coñecerán asemade a situación dos centros educativos e do Hospital Nacional, amais de reunirse coa Asociación de Familiares de Prisioneiros Saharauís e Persoas Desaparecidas e coa Unión de Mulleres Saharauís. Está previsto ademais un encontro co Primeiro Ministro, Bucharaya Beyun, así como cos representantes ministeriais de Cooperación, Saúde ou Auga e Medio Ambiente.
Os concellos presentes nesta misión son: Allariz, Boiro, Brión, Cabanas, Laxe, Lugo, Moaña, Monforte, Muros, Nigrán, Oleiros, Padrón, O Rosal, Sada e Viveiro, aos que se unen membros do Parlamento de Galicia, Xunta, ONGD, sindicatos, persoal médico e familias acolledoras do programa Vacacións en Paz. Cómpre apuntar así mesmo que unha ducia de corporacións en toda Galicia aprobaron tamén a declaración impulsada polo Fondo Galego contra o cambio de postura do Goberno Español sobre o Sáhara Occidental. O texto reivindicaba a solución auspiciada por Nacións Unidas, que pasa por convocar un referendo de autodeterminación, en cumprimento do Plan de Arranxo asinado en 1991.
48 anos fóra da súa terra
O pobo saharauí foi desprazado do seu territorio en 1975, cando Marrocos organizou a Marcha Verde sobre o Sáhara Occidental, que conta con valiosos recursos naturais. En novembro de 2020, a Fronte Polisario decidiu retomar a loita armada tras acusar a Rabat de ocupar novas zonas nos territorios liberados. Cómpre lembrar que o Sáhara Occidental foi a provincia nº 53 de España, ata que se produciu o que tanto a poboación como as autoridades saharauís consideran un “abandono” tras a firma do Acordo Tripartito de Madrid, que deixaba a zona en mans de Marrocos e Mauritania, aínda que esta última retiraríase posteriormente.
A día de hoxe, un muro de máis de 2.700 km construído polo reino alauíta separa as áreas liberadas pola Fronte Polisario dos territorios ocupados polos marroquís, que constitúen o 80% da superficie e nos que se denuncian constantes vulneracións dos dereitos humanos. O Sáhara Occidental, onde o español é o segundo idioma, conta con 266.000 km2 e uns 612.000 habitantes, aínda que a poboación autóctona vai perdendo terreo fronte aos marroquís atraídos polos incentivos económicos do seu goberno. Mentres tanto, nos campamentos residen arredor de 173.600 persoas refuxiadas que sobreviven na árida e pedregosa hamada alxerina, soportando unhas duras condicións climatolóxicas.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 26 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030