Inicio Galicia Tres colexios de Monfero, A Coruña e Ames gañan os premios Contádenos...

Tres colexios de Monfero, A Coruña e Ames gañan os premios Contádenos o voso Día das Letras

a-rag-celebra-o-dia-das-letras-galegas-dedicado-a-maria-victoria-moreno-cunha-sesion-publica-extraordinaria-no-teatro-principal-de-pontevedraO concurso do proxecto Primavera das Letras recoñece os traballos do CPI Virxe da Cela (Monfero), o CEIP Plurilingüe Anxo da Garda (A Coruña) e a EEI do Milladoiro (Ames)

A segunda edición dos premios da Real Academia Galega Contádenos o voso Día das Letras Galegas xa ten gañadores. O CPI Virxe da Cela (Monfero), o CEIP Plurilingüe Anxo da Garda (A Coruña) e a EEI do Milladoiro (Ames) recollerán o vindeiro mes de outubro na sede da institución os galardóns do concurso dedicado nesta ocasión a María Victoria Moreno, a quen a RAG homenaxeou co gallo do Día das Letras Galegas 2018. Nesta nova edición participaron máis de 80 centros de toda Galicia, un 15 % máis que na anterior. Todos eles recibirán un diploma da Academia.

Contádenos o voso Día das Letras creouse co obxectivo de coñecer e difundir como celebraron o Día das Letras Galegas os centros encargados da educación do alumnado de menor idade, ao abeiro de Primavera das Letras. Este proxecto web da RAG fornece desde 2016 a comunidade escolar de contidos lúdicos e didácticos arredor da figura protagonista do 17 maio desde unha perspectiva interdisciplinaria.

O CEIP Plurilingüe Anxo da Garda participou no concurso cun conxunto de actividades variadas que achegaron o alumnado do centro coruñés á vida e á obra de María Victoria Moreno desde a literatura, a música ou o teatro e mesmo foron alén da propia escola. Unha representación na que se entrevista a autora, unha adaptación musical dun poema de Elexías de luz, o concurso “Quen sabe máis de Mª Victoria Moreno?”, lecturas de fragmentos de obras da escritora no centro de día de Eirís ou un xogo de cuarto de escape son algunhas das actividades que se desenvolveron neste colexio para celebrar o Día das Letras Galegas.

O CPI Virxe da Cela apostou pola linguaxe radiofónica. O alumnado de primeiro e segundo gravou un conto inspirado en personaxes das obras de María Victoria Moreno e o de cuarto, un programa dedicado á autora con entrevistas a Eli Ríos, Monste Pena, Francisco Castro, Fran Alonso  e Andrea Jamardo.

Na procura dun vínculo emocional entre os nenos e nenas de infantil, a EEI do Milladoiro realizou unha exposición sobre os “cachorros” de María Victoria Moreno que reflectiu o amor da autora polos canciños e mais polos seus alumnos e alumnas, aos que se refería con agarimo con este mesmo apelativo. A mostra valeuse de retratos, datos biográficos, fotografías e retrincos da vida da escritora; fragmentos e ilustracións das súas obras nas que aparecen canciños e textos e citas nas que lembra o seu labor como docente e o seu xeito de entender o ensino e de se relacionar cos mozos e mozas.

A Real Academia Galega creou Primavera das Letras, o portal no que se enmarca este concurso, en 2016, cando o homenaxeado foi Manuel María. Tanto os recursos dedicados ao poeta chairego como os centrados en Carlos Casares, protagonista das Letras Galegas de 2017, seguen estando accesibles na web de Primavera das Letras, xa que, alén de servir de apoio para abordar cos cativos e cativas (na casa ou no colexio) a celebración do Día das Letras Galegas de cada ano, aspira a funcionar como repositorio de materiais que profunden de xeito atractivo en calquera momento na obra das personalidades que foron homenaxeadas en anteriores celebracións do 17 de maio.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

692FansGóstame
308SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies