spot_img
InicioPontevedra e ÁreaTres asociacións provinciais recibirán 22.000 € para impulsar proxectos en materia de...

Tres asociacións provinciais recibirán 22.000 € para impulsar proxectos en materia de igualdade

tres-entidades-provinciais-recibiran-22-000-e-para-impulsar-proxectos-en-materia-de-igualdadeA Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, Faraxa e Nós Mesmas levarán a cabo programas para apoiar ás mulleres vítimas de violencia machista, á loita contra a trata de brancas e promover a diversidade afectiva e de xénero

 A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada pola deputada Isaura Abelairas, vén de asinar tres convenios de colaboración por valor de 22.000 € con tres entidades para o impulso da igualdade efectiva de oportunidades entre mulleres e homes. Estas sinaturas teñen por obxectivos tanto a detección temperá da violencia de xénero como a capacitación das persoas especialistas,  así como o impulso dun programa provincial de intervención social con persoas en prostitución e/ou vítimas de trata sexual e a posta en marcha dun plan de formación en centros públicos de primaria, secundaria e de formación profesional sobre a Diversidade Afectiva e de Xénero (DAX).

Máis polo miúdo, Silva asinou un convenio para a achega de 6.000 € á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos para o desenvolvemento do programa provincial “Camiño ao bo trato”. A Presidenta da Deputación subliñou “o papel fundamental desta asociación que traballa desde 1998 para atender, apoiar e acompañar a mulleres no proceso de ruptura cos malos tratos amais de formar e informar para impulsar a igualdade entre as persoas”.

“Camiño ao bo trato”,  como informou Silva, está dirixido a persoas interesadas na formación en xénero, aos profesionais de atención dos servizos sociais e ao profesorado e alumnado dos centros educativos da provincia de Pontevedra coa finalidade de detectar de forma temperá casos de violencia machista. Para elo, afondarase e concienciarase na necesidade dunha visión desde a perspectiva de xénero, incorporando modelos igualitarios,  favorecendo a adquisición de habilidades preventivas e dotando de medios que permitan acadar unha detección máis eficaz e operativa dos malos tratos.

Carmela Silva tamén asinou un convenio coa asociación Faraxa mediante o cal a institución provincial achegará 10.000 € para impulsar un programa provincial de intervención social con persoas en prostitución e/ou vítimas de trata sexual durante este ano. A Presidenta da Deputación enxalzou o traballo que se está a desenvolver desde Faraxa, que “leva dende o 2009 ofrecendo cobertura en toda a nosa comunidade e incluso fóra dela para denunciar as violacións dos dereitos humanos e combater a explotación sexual, amais de loitar para erradicar calquera forma de violencia contra as mulleres e de defender a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”.

A colaboración da Deputación con Faraxa estará centrada no traballo que a asociación leva a cabo mediante unha unidade móbil no propio medio no que se exerce a prostitución e na formación. A través destes dous medios preténdese mellorar a calidade de vida das persoas en prostitución e detectar situacións de grave violación dos dereitos humanos como é a trata sexual. Ao respecto, Silva subliñou que “aínda que a prostitución en España non está penada si o está a explotación sexual da prostitución allea e, lamentablemente, este delito que tanto atenta contra os dereitos das mulleres non se está a perseguir coa dilixencia adecuada”.

A Presidenta da Deputación tamén asinou esta tarde un convenio coa asociación Nós Mesmas mediante o cal a institución provincial achega 6.000 € para poñer en marcha un plan de formación en Diversidade Afectiva e de Xénero (DAX) en centros públicos de primaria, secundaria e de formación profesional da provincia de Pontevedra. Carmela Silva subliñou o importante papel que está a desenvolver Nós Mesmas que “dende o 2008 está a defender os dereitos das mulleres lesbianas e bisexuais e que tanto traballa nas escolas e centros educativos para divulgar a Diversidade Afectiva e de Xénero e rachar co bulling homofóbico”.

A través da colaboración entre a institución provincial e Nós Mesmas preténdese promover o pleno desenvolvemento da personalidade e capacidades afectivas do alumnado; impulsar a formación no respecto á diversidade e aos dereitos e liberdades; recoñecer, respectar e visibilizar a diversidade afectiva e de xénero e proporcionar ferramentas e recursos ás aulas para enfrontar unha situación de acoso LGTBfóbico. Para acadalo, tal e como informou Silva, “levaranse a cabo tanto campañas de sensibilización para visibilizar a Diversidade Afectiva e de Xénero e loitar contra a LGTBfobia, como charlas formativas sobre Diversidade Afectiva e de Xénero nos centros educativos e xornadas de formación intensiva para o profesorado”.

Mediante estas tres sinaturas de convenios coas asociacións Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, Faraxa e Nós Mesmas, a institución provincial manifesta, en palabras de Silva, “o noso auténtico compromiso coa igualdade”. A Presidenta da Deputación asegurou que “queremos apoiarvos e traballar con vós, xuntas e xuntos, da man, para impulsar e defender a igualdade efectiva entre mulleres e homes, para erradicar a violencia machista, para eliminar todo tipo de delitos que atenten contra os dereitos humanos, para combater a explotación sexual, para garantir a igualdade, a non discriminación e protexer verdadeiramente os intereses de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais na provincia de Pontevedra”.

 

 

- Publicidade -spot_img