Poderán participar nos obradoiros de emprego as persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, que teñan unha idade igual ou superior a 18 anos
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego pola que a Consellería de Traballo e Benestar destinará 10,2 millóns de euros e beneficiará a uns 1.300 desempregados. A inversión ten carácter bianual, destinándose 7,7 millóns para 2015 e 2,5 millóns para 2016.
Estas iniciativas teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas, especialmente das persoas con máis dificultades de inserción. Combinan a formación coa realización dun traballo efectivo. Isto é, cun contrato e cun salario, durante 6 meses. Poderán participar nos obradoiros de emprego as persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, que teñan unha idade igual ou superior a 18 anos.
Estes programas teñen unha triple dimensión: en primeiro lugar, a de mellorar a empregabilidade dos traballadores que toman parte neles, ofrecéndolles unha formación para o emprego teórico práctica de calidade, da man dos especialistas que as imparten. Así mesmo, a posta en marcha destes proxectos está a permitir a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade. Finalmente, o terceiro aspecto importante que rodea estes programas é a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais responsables de promover estas iniciativas.
Novidades
Como novidades para 2015, cómpre resaltar as seguintes: cando haxa candidatos que o fagan posible, un 20% dos participantes deberán ser beneficiarios da RISGA e primaranse aqueles proxectos relacionados coa rehabilitación e posta en valor de fachadas e edificios de carácter público e/ou social e de espazos medioambientais (eliminación do feísmo). Así mesmo, os proxectos poden ser promovidos por entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha administración local e por consorcios locais.
Distribución de créditos
A distribución de créditos a nivel provincial realizarase tendo en conta o número de persoas paradas e a evolución do paro rexistrado no período 2010/2014, así como a evolución da poboación no citado período. Tamén se terán en conta –en coherencia cos programas Impulsa de Lugo e Ourense- o necesario equilibrio e solidariedade cos territorios máis desfavorecidos.
Parte das axudas desta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento. Para a adxudicación do proxectos realizaranse unha única comisión de valoración (no mes de maio). A data límite para o inicio dos obradoiros de emprego será, con carácter xeral, o 30 de setembro de 2015.
O investimento da Xunta subvenciona os custos da formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…); e os custos salariais derivados dos contratos de traballo que subscriban os alumnos e alumnas. En concreto nos contratos do alumnado a Xunta subvencionará o 100 por cento do Salario Mínimo Interprofesional anualmente establecido, incluídas unha paga extra. Así mesmo, subvenciónanse as cotas patronais da Seguridade Social.



