Inicio Baixo Miño Tomiño creará un espazo público arredor da igrexa de Amorín, con zonas...

Tomiño creará un espazo público arredor da igrexa de Amorín, con zonas de paseo e xogo

Seguindo na liña de recuperación de espazos públicos nos núcleos de poboación, para disfrute dos cidadáns, o Concello de Tomiño, emprenderá a remodelación da contorna da Igrexa parroquial de San Xoán de Amorín.

Este espazo público anexo ao adro, alberga na actualidade un palco de música e un cruceiro, e atópase pavimentado con aglomerado asfáltico, usándose como aparcamento, sen ofrecer seguridade suficiente para a veciñanza.

Neste espazo hai ademais, nove plátanos de gran porte; árbores que xunto coa igrexa, o cruceiro e o palco, cualifican a contorna.

O obxectivo da intervención é, coma xa sucedera no casco urbano de Tomiño (O Seixo), xerar un ámbito espacialmente atractivo, que invite á xente a utilizalo dun xeito seguro e accesible, potenciando así as actividades lúdicas e sociais,  e ao mesmo tempo, poñer en valor a arquitectura e o espazo público. A superficie total das obras alcanza uns 2400 m2 e o orzamento de licitación rolda os cento oitenta mil euros.

Segundo explicou a alcaldesa durante a presentación aos veciños e veciñas da parroquia, celebrada hai uns días, a intervención busca “favorecer o uso peonil seguro e o fluxo de persoas, creando un espazo accesible, simplificando cotas, e mellorando as súas posibilidades de uso e mobilidade”.

Trátase deprotexer o lugar existente diante do adro da igrexa (onde se atopan o cruceiro e o palco) do tráfico de vehículos, xerando un espazo de estancia e poñendo en valor o eixo entre o cruceiro e a igrexa. Este novo espazo converterase nunha alameda, con pavimentos brandos, de xabre compactado. Por último, procederase á colocación de xogos infantís.

O proxecto contempla variar as cotas da beirarrúa diante do muro de peche da igrexa; un muro de pedra labrado na súa fronte, e que está parcialmente soterrado pola beirarrúa actual, poñendo todo o ámbito á mesma cota e en plataforma única, e favorecendo así a accesibilidade universal. Por iso demoleranse ademais as escalinatas de acceso ao torreiro e construirase no seu lugar unha rampla.

O resultado das obras será“un espazo público contemporáneo, máis humanizado, no que prime o uso peonil, e que poña en valor a arquitectura e o propio lugar”, adiantou a rexedora local. “Incorpórase unha iluminación especifica pensada para este ámbito, e tamén un novo mobiliario urbano, bancos e papeleiras”, informou.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies