Unha vintena de escolares do CEP Pedro Caselles percorreu medio quilómetro pola beira do río Pego e recolleu 65 quilos de lixo
Os piragüistas do club Os Teixugos, de Goián, bateron uns 300 metros das beiras do Miño, atopando 150 quilos de residuos
Os días venres 30 de setembro e sábado 1 de outubro, o colexio público Pedro Caselles e o Club Deportivo Miño “Os Teixugos”, realizaron respectivamente, sendas tarefas de limpeza dos ríos Pego e Miño, no marco da IX Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos”, promovida dentro do “Proxecto Ríos”, pola asociación ecoloxista ADEGA, coa colaboración financeira e loxística do Concello de Tomiño.
A Concellalía de Medio Ambiente e Optimización de Servizos Públicos, que dirixe María Xosé Vázquez Rodríguez, foi a encargada de coordinar as accións de limpeza e recollida.
No primeiro caso, os estudantes foron guiados polo director do colexio, Alfonso Lorenzo, e no segundo, por Emilio Rodríguez, adestrador do club de piragüismo.
Na limpeza do venres 30, participaron 18 alumnos e alumnas de 6ºB do CEP Pedro Caselles, que acompañados por dous docentes, realizaron unha andaina polas beiras do Pego e recolleron máis de 65 quilos de lixo das marxes do río, ao seu paso por unha zona próxima ao colexio e ao longo duns 500 metros.
A iniciativa enmárcase no “Proxecto Ríos”, de ADEGA, no que participa o colexio dende hai tempo, e polo que facen anualmente unha limpeza e dous controis do estado de fauna, flora, contaminación, e que corresponde a épocas de outono e primavera.
“Esta actividade serve para concienciar a nenos e maiores da importancia do coidado do medio ambiente e sobre todo da auga doce”, explica o director do centro.
Na saída do sábado, foron 11 as persoas (deportistas e familiares) que limparon uns 300 metros da beira do Miño. Neste caso conseguiron recoller nada menos que 150 quilos de lixo, entre o que atoparon colchóns, cordas, redes, caixas plásticas, bidóns de aceite, etc.
A concelleira de Medio Ambiente de Tomiño salientou a necesidade de educar e crear conciencia sobre a importancia de manter limpo o medio e facelo sostible.
Por outra banda, a Concellalía de Medio Ambiente tomiñesa, está organizando en colaboración con URBASER, unha serie de obradoiros polos centros educativos, co fin de axudar a mellorar á separación de lixo nos fogares.
Esta actividade, que comezou no pasado mes de maio, retómase nestes días, despois do receso escolar de verán.




