spot_img
InicioBaixo MiñoTomiño avanza na recuperación da zona do Seixo coma espazo de lecer...

Tomiño avanza na recuperación da zona do Seixo coma espazo de lecer e encontro

Tomiño avanza na recuperación da zona do Seixo coma espazo de lecer e encontroTras o paréntesis obrigado pola crise do coronavirus, o Concello de Tomiño retomou hai unhas semanas as obras do proxecto “Mellora da mobilidade e seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicos da Praza do Seixo”, cun investimento total de 670.000 euros.

As obras levadas a cabo, concretamente nas rúas A Guarda e República Arxentina, avanzan a bo ritmo, seguindo co proceso de transformación e recuperación do núcleo urbano coma espazo público de lecer e encontro, impulsado desde o goberno local, e que comezara hai uns anos coa reforma integral da Praza do Seixo.

A intervención, que estará rematada no verán, pretende aproveitar a mudanza na mobilidade de vehículos que supón a nova Avenida do Baixo Miño, que rodea o núcleo urbano, aberta hai uns meses, e que propicia a eliminación de tráfico de paso, nun 90% dos vehículos que antes pasaban polo centro da vila.

De feito, o proxecto contempla a peonalización e ampliación da Praza do Seixo, ata os tramos das devanditas rúas, e ata o entronque coa nova avenida, reformando todos os servizos urbanos e mellorando o espazo público cun deseño semellante ao da Praza do Seixo.

No caso da rúa A Guarda, esta pasará a ter un deseño máis estancial e comercial, creando espazos de encontro e áreas con bancos, vexetación e iluminación con catenarias. A rúa República Arxentina, pola súa banda, configurarase como unha alameda de entrada á Praza do Seixo, desde a rotonda de entronque da nova avenida, que pasará a ser o principal punto de referencia e entrada de Tomiño.

Ademais, ampliarase o número de prazas de estacionamento, pasando o núcleo urbano a ter tres aparcadoiros públicos cun total de 800 prazas, co que se duplicarán as existentes ata o momento. Para a realización desta obra, o goberno obtivo unha subvención de 500.000 euros, ao abeiro da convocatoria pública do Plan DepoRemse, da Deputación de Pontevedra, achegando o resto o propio Concello.

- Publicidade -spot_img