spot_img
InicioBaixo MiñoTomiño aproba partidas económicas para axudar ás familias a celebrar as festas...

Tomiño aproba partidas económicas para axudar ás familias a celebrar as festas de Nadal

tomino-aproba-partidas-economicas-para-axudar-as-familias-a-celebrar-as-festas-de-nadal

Os cheques, para a adquisición de xoguetes e comida, son para usar en establecementos do municipio, co fin de contribuír á dinamización do comercio local

O Concello de Tomiño vai investir preto de oito mil euros (8000 €) en axudas de Nadal para que as familias con escasos recursos poidan celebrar o Nadal.

Con este fin, o goberno local de Tomiño aprobou na xunta de goberno do pasado luns, axudas sociais para que as familias con poucos recursos poidan comprar xoguetes e alimentos para celebrar unha data tan importante.

Deste xeito, máis de 80 menores resultarán beneficiados cos cheques de 30 euros, que recibirán os seus pais para a compra de xoguetes de Nadal, o que suma mais de 2500 euros.

Por outra banda, máis de 50 familias recibirán axudas económicas para comprar alimentos (dependendo do número de persoas que formen a unidade familiar, os cheques  van dende  os 70 aos 170 euros, sumando un total superior a 5000 euros.

A concelleira de Cultura e Servizos Sociais, Cristina Martínez, sinala que todos estes cheques son para comprar en establecementos de Tomiño (xogueterías, librarías, supermercados, etc.), contribuíndo tamén deste xeito  coa dinamización do comercio local.

Así mesmo, dende a Concellería organizouse, como en anos anteriores, unha completa programación de actividades de Nadal e Reis, con xogos, teatro, música e maxia, que “agardamos supoña unha oportunidade de vivir un Nadal especial, pasar bos momentos coa familia e as amizades, e gozar do noso municipio”, comenta Martínez.

 

- Publicidade -spot_img