spot_img
InicioGaliciaA CoruñaSusana Seivane protagoniza un novo encontro do ciclo ’As mulleres, cen anos...

Susana Seivane protagoniza un novo encontro do ciclo ’As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán’

, que será entrevistada por Noela Bao.Susana Seivane conversará o xoves día 6 (18:00 horas) co xornalista Manuel Rodríguez nun encontro na rúa Tabernas 11 da Coruña. Será aberto ao público e poderá seguirse tamén en directo na canle de Youtube de Cultura da Coruña

Susana Seivane será o xoves que vén a convidada do ciclo As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán: Conversas na Casa-Museo, organizado polo Concello da Coruña en colaboración coa Real Academia Galega a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. A gaiteira conversará o 6 de maio (18:00 horas) sobre a presenza das mulleres na música co xornalista Manuel Rodríguez no que foi o fogar de Emilia Pardo Bazán na súa cidade natal (rúa Tabernas 11 – A Coruña). O encontro ábrese ao público baixo reserva de praza e poderá seguirse tamén en directo a través da canle de Youtube de Cultura da Coruña.

Susana Seivane é todo un referente no mundo da gaita. Membro dunha das familias con máis prestixio entre os intérpretes e artesáns deste instrumento, comezou a tocalo con só 3 anos. Na actualidade é recoñecida internacionalmente como gaiteira polo seu virtuosismo e unha exitosa carreira musical.

Debido á redución da capacidade da sala en aplicación do protocolo de prevención da covid-19, as persoas que desexen seguir presencialmente a entrevista a Susana Seivane no ciclo de conversas na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán deberán solicitar praza no correo electrónico difusion@academia.gal, indicando o seu nome completo, DNI e número de teléfono de contacto.

O ciclo As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán: Conversas na Casa-Museo enmárcase no programa de actividades de conmemoración do centenario do pasamento da escritora, á que se lle renderá homenaxe traendo á actualidade o seu legado a través dunha serie de charlas. As oito mulleres convidadas dialogarán con xornalistas das súas respectivas traxectorias profesionais e das dificultades ás que tiveron que facer fronte por seren mulleres.

A iniciativa arrincou en marzo coa conversa protagonizada pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e continuou en abril coa académica Marilar Aleixandre. Tras a participación de Susana Seivane; continuará o 3 de xuño coa xornalista, escritora e vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro, que conversará con Pepe Castro. O programa retomarase o 2 de setembro coa conversa entre Imelda Capote, delegada de Facenda en Galicia, e Luis Llera. O 7 de outubro a protagonista será a xornalista Rosa Martínez, que falará con Chus Castro da súa experiencia como primeira directora da Radio Galega. O papel das mulleres na sanidade será o tema do encontro do 4 de novembro entre María de la Cámara, xefa da sección de urxencias do CHUAC, e Cristina de la Vega. O ciclo rematará o 2 de decembro coa escultora e académica de Belas Artes Soledad Penalta, que será entrevistada por Noela Bao.

- Publicidade -spot_img