Esta mañá o alcalde, Manu Lourenzo e a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, reuníronse no Pazo Provincial co presidente da Deputación, Luís López e co director da área de coordinación intermunicipal, Javier Bas para abordar diferentes asuntos de relevancia para o concello, entre os que se atopan os actos de enxalzamento do 150 aniversario do nacemento de María Vinyals.
Dende o concello de Soutomaior solicitaron nesta xornada a colaboración da Deputación provincial nos actos de enxalzamento do 150 aniversario de María Vinyals, unha data que se conmemorará o próximo 14 de agosto de 2025.
Dende o concello queren que o próximo ano constitúa un antes e un despois na proxección e divulgación da obra e a traxectoria de María Vinyals. Agradeceron, tanto Manu Lourenzo como Silvia Cernadas, a boa a acollida e resposta por parte do Presidente Provincial, Luís López. Ambos, alcalde e concelleira, coincidiron en afirmar que a colaboración institucional é necesaria en beneficio da veciñanza.
María Vinyals naceu no castelo de Soutomaior e destacou como escritora e feminista nun momento en que as mulleres tiñan un acceso moi restrinxido á esfera pública. “Falar da súa figura é falar dunha muller silenciada durante anos e, por iso, dende o concello de Soutomaior traballaremos arreo co fin de que María Vinyals ocupe o lugar que lle corresponde na historia”, indicaba Silvia Cernadas.
Un encontro onde dende a Deputación se lle informou ao concello que a modificación de crédito do ReacPon de preto de 350 mil euros irá esta semana a pleno, unha modificación de crédito que segundo palabras de Manu Lourenzo “permitirá a Soutomaior ter a liquidez e o financiamento necesario para acometer importantes obras”.




