Coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Concello de Soutomaior presentou “Divulgaciencia”, o seu programa educativo para fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre os mozos do municipio.
A iniciativa inclúe actividades como talleres de tecnoloxía creativa, xornadas de xogos científicos, visitas guiadas para experimentar na natureza e a primeira gran Feira de Ciencias de Soutomaior, entre moitas outras.
O acto de inauguración contou coa participación do alcalde, Agustín Reguera, e as edís de Educación e Xuventude, Fátima Vidal e Noelia Ocampo, respectivamente. Así, segundo indicou Reguera, o obxectivo principal da iniciativa “é fomentar a vocación pola experimentación e a curiosidade científica entre a mocidade do municipio e promover a participación equitativa e plena da muller nos ámbitos tecnolóxicos”.
O proxecto finalizará coa organización da primeira Feira de Ciencias do municipio Soutomaior, 11 de febreiro de 2022
O programa conta con diferentes actividades que virarán ao redor dun evento principal, a primeira Feira de Ciencias de Soutomaior, que se celebrará o día 5 de maio. Nela expoñeranse os proxectos realizados polo alumnado participante, ofreceranse visitas guiadas ao público en xeral e celebrarase unha pequena festa animada por un espectáculo científico.
Ata entón, os alumnos gozarán de tres meses realizando diversas actividades baseadas na experimentación e a participación activa como o taller de construción de drons, a xincana tecnolóxica, a xornada sobre ciencia policial, o scape room con enigmas matemáticos e quebracabezas lóxicos ademais de varias saídas orientadas a descubrir e experimentar a ciencia detrás da natureza.