Con motivo da recente celebración do Día Internacional contra a Homofobia, a transfobia e a Bifobia, o Concello de Soutomaior acaba de poñer en servizo o primeiro xardín da diversidade do municipio. Un novo espazo de lecer e esparexemento deseñado para dar visibilidade e normalizar ás diferentes sensibilidades e formas de sentir.
O xardín está situado xunto ao parque canino de Arcade e conta cun mobiliario público específico de madeira tradicional e varios elementos recreativos. Ademais, instaláronse tres tipos de xogos, varios tallos, un carreiro de pedra natural e paneis artísticos e informativos.
O acto de inauguración contou con actividades destinadas a todos os públicos entre as que destacan o taller de estampado de camisetas, os contacontos e a animación musical. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e a edil de Servizos Sociais, Cristina González, participaron na festa de inauguración do parque. “Esta clase de iniciativas fan do noso municipio un lugar máis amable, acolledor e respectuoso con todas as sensibilidades”, explicou González.
O xardín da diversidade é unha iniciativa promovida pola Concellería de Igualdade do Concello de Soutomaior e a súa instalación contou cun orzamento final de 17.000 euros que se financiaron exclusivamente con fondos propios municipais.