A Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño fai balance do ano 2019, durante o cal se entregaron máis de 150 toneladas de alimentos.
Segundo datos facilitados pola Asociación, o inicio do ano comezou con 91 familias e atendendo a 312 persoas. A fin de ano son xa 123 familias e 381 persoas. Estas repártense da forma seguinte: 26 familias en Tomiño, 69 familias en Tui, 8 familias no Rosal e 20 familias en Oia.
Por outra banda, neste ano de 2019 chegouse a un acordo co Concello de Oia, e desde o 15 de xuño, comezouse a repartir alimentos coas familias derivadas de Servizos Sociais. O concello de Oia cedeu á Asociación un local para a almacenaxe e distribución de alimentos.
Todo este traballo foi posible grazas á colaboración de empresas e tamén das diferentes administracións local, provincial, autonómica e estatal. É importante destacar a doazón de particulares, tanto en forma de alimentos como de servizos e do Banco de Alimentos de Vigo, co que se traballa estreitamente.
Os voluntarios
Os voluntarios de Sos Tomiño Baixo Miño fan un traballo inmenso. Lévano a cabo sacando tempo á súa vida cotiá e ás súas familias. Por iso, o seu traballo é tan importante e o servizo que prestan á comunidade, é impagable.
O traballo dos voluntarios é o que permite que o proxecto da Asociación siga adiante. O labor que realizan é múltiple e realizada á perfección: no almacén, controlando e clasificando alimentos; nas recollidas de alimentos; na elaboración dos lotes de alimentos que se entregan a cada beneficiario; na repartición quincenal; na atención ás familias, na xestión da documentación. Cada unha das funcións, realizada de forma calada e anónima, é fundamental para que esta Asociación poida continuar o seu traballo coas familias que carecen de recursos.



