O Concello de Nigrán descobre un novo arco no muíño de Porto de Molle grazas ás obras de rehabilitación
O movemento de terras e limpeza de matogueiras e lama revelou unha cuarta arcada na zona do inferno (por onde circula a auga) e dous muros de pedra tradicionais no exterior en forma de ‘L’ . Estes novos elementos dos que non se tiña constancia e de gran valor patrimonial modificarán o proxecto inicial para que queden á vista, recuperándose de pleno a orixinalidade desta infraestrutura.
“Foi unha sorpresa marabillosa porque estes detalles embelecen todavía máis a estampa dun muíño que xa de por si era espectacular porque é un dos máis grandes da comarca”, recoñece o alcalde, Juan González.
“Non había ningunha constancia nin sospeita da existencia deste cuarto arco de medio punto no extremo esquerdo, polo que é de supoñer que quedou taponado moito antes de que se habilitase o parque empresarial Porto do Molle. O máis probable é que cumpra unha función estrutural e non o de albergar un rodicio máis”, explican desde a dirección de obra. Adicionalmente, recalcan o descubrimento de dous muros de pedra tradicional, un perpendicular á fachada e outro en paralelo, de xeito que funcionarían como muro de contención en forma de ‘L’. “Son elementos que suman orixinalidade e beleza a esta infraestrutura, polo que non dubidamos en que se deben manter e por en valor”, indica González. De feito, intervirase na zona verde da contorna, onde os desniveis de terras adaptaranse mediante bancais para permitir contemplar mellor todas as partes do muíño.
Nigrán inicia o expediente de contratación para a rehabilitación integral do muíño de Porto do Molle
Situado en pleno parque empresarial ao carón do río Muíños e en estado ruinoso desde hai máis de 30 anos pese ao seu gran valor histórico e etnográfico, a construción volverá a funcionar con fins didácticos nun prazo de 5 meses e tras un investimento de 238.370 € por parte do Concello. O obxectivo é reparalo respectando ao máximo a súa orixinalidade e poñelo en marcha mediante a reposición dos mecanismos actualmente desaparecidos e da disposición dunha nova canle hidráulica.
Esta restauración, ademais de implicar un estudio histórico e control arqueolóxico da mesma, supón repoñer e acondicionar a envolvente do edificio, restaurar os paramentos da edificación e infraestruturas hidráulicas e, finalmente, recuperar e repoñer os elementos xa inexistentes de roturación e trituración. Así, na sala correspondente ao propio muíño plantéxase unha intervención mínima instalando unha cuberta de madeira de castiñeiro con cerchas e correas, tal e como tradicionalmente se facía, e, adicionalmente, no chan se repararán as grandes lousas de granito que estean deterioradas. Na habitación que era vivenda ou almacén crearase unha pequena sala de exposicións ou multiusos cun sistema estrutural moderno a base de madeira laminada e tirantes de aceiro, ademais, instalaranse dous aseos, un deles adaptado a persoas con mobilidade reducida. O edificio manterá tres accesos independentes: o do propio muíño, o da sala, e un central que da ao vestíbulo desde onde acceder ás dúas salas ou wc.
“Queremos que recolla a tradición muiñeira que pon nome precisamente a este río, polo que plantexamos unha exposición permanente ao respecto e, por suposto, que poida funcionar para facer muiñadas a modo divulgativo”, resume o alcalde.
Historia do muíño
Cunha planta rectangular de 25 m x 6’5 m, este foi un dos muíños máis grandes e produtivos da comarca, xa que chegou a ter tres moas en funcionamento simultáneo. Sen embargo, debido ao paso do tempo, actualmente presenta importantes perdas nos muros e carece de cuberta, maquinaria e mesmo de canle hidráulica. Trátase dunha edificación do S.XVIII que consta do propio muíño, almacén e vivenda anexa nun único volume e no que o soto está aberto ao exterior mediante o que se crían tres arcos de medio punto pero que son catro, polos que discorría a auga tras moverse o mecanismo de rotación.
As obras e movementos de terra para habilitar o parque empresarial implicaron soterrar a súa canle de abastecemento e evacuación ao río Muíños, polo que a día de hoxe en ningún caso poderían funcionar os aparellos, sen embargo, o proxecto contempla activar unha das tres moas orixinais creando un circuíto pechado que empregue un estanque anexo á construción. Co fin de respectar ao máximo a súa factura orixinal, contouse co propio asesoramento de Angel Fernández Misa, fillo dos últimos muiñeiros e quen viviu nel ata os 20 anos de idade. “Era o muíño máis produtivo de todo Nigrán, ao que viña máis xente, porque tamén era o máis barato”, recorda Lito.