A Estratexia Integral de Impulso da Biomasa, elaborada pola Xunta de Galicia permitirá a finais da década un aforro anual de 70 millóns na compra de combustibles fósiles e a creación de 1.000 postos de traballo.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), celebrou onte en Silleda, no marco da I Feira da Enerxía de Galicia, a terceira edición do Foro da Biomasa de Galicia, no que se analizou a aplicación desta fonte enerxética en eidos estratéxicos para o tecido económico e empresarial da comunidade, como o agroalimentario ou o sector servizos.
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, foi o encargado de inaugurar este encontro, no que se abordaron distintos aspectos de interese relacionados con esta fonte de enerxía, entre os que destacaron as liñas de acción da Estratexia Integral de Impulso da Biomasa en Galicia. “A Xunta aposta por este combustible autóctono, que é limpo e renovable e permite altos niveis de abastecemento”, asegurou Tahoces, quen engadiu que esta proposta autonómica sitúa a Galicia no “liderado español deste combustible”.
Afianzar o uso da Biomasa e deste xeito, reducir a dependencia do petróleo, impulsar o aforro, mellorar a xestión dos montes, prever incendios forestais, favorecer a eficiencia enerxética e protexer o medio natural.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia Integral de Impulso da Biomasa coa principal finalidade de afianzar o seu uso e, deste xeito, reducir a dependencia do petróleo, impulsar o aforro, mellorar a xestión dos montes, prever incendios forestais, favorecer a eficiencia enerxética e protexer o medio natural.
A Estratexia recolle que a aplicación da biomasa en diferentes sectores, como o agroalimentario, o agropecuario ou o sector servizos, suporá a finais desta década un aforro anual de 70 millóns de euros na compra de combustibles fósiles, ademais de crear 1.000 novos postos de traballo e mobilizar un investimento próximo aos 500 millóns, evitando a emisión á atmosfera de 246.000 toneladas de CO2 ao ano.
O III Foro da Biomasa tivo lugar na Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda, que acolleu ata o sábado 16 de abril, a I Feira da Enerxía de Galicia, da que a Xunta, a través do Inega, forma parte do comité organizador. Durante o encontro tamén participaron o director do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), Tomás Fernández-Couto; a directora da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación (Gain), Sonia Pazos; e o xefe de Área de Enerxías Renovables no departamento de Enerxía e Planificación Enerxética do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Joaquín López.
A continuación, ofrecéronse dous relatorios máis relacionados con cuestións técnicas. Por unha banda, un representante de Tragsatec expuxo a viabilidade técnica e económica da biomasa térmica no sector agroalimentario; mentres que a Federación Galega de Asociacións Provinciais Empresariais de Fontanería, Calefacción, Gas, Climatización, Mantemento e Afíns (Fegafón) analizou o etiquetado enerxético en caldeiras e estufas de biomasa. Sobre esta última cuestión, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 12,5 millóns de euros para a implantación de 1.000 novas caldeiras de biomasa en Galicia, que se sumarán ás 2.000 xa instaladas.
Así mesmo, tivo lugar un panel de usos sectoriais en Galicia, no que se analizou a aplicación da biomasa nos sectores de servizos, público ou alimentario, entre outros. Neste sentido, representantes de Balneario de Mondariz, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), a Compañía Española de Algas Marinas (Ceamsa) e Panaderías da Cunha falaron sobre as súas experiencias.
Por último, no marco deste III Foro da Biomasa de Galicia, celebrouse un bloque temático organizado pola Asociación Española de Valorización Energética de la Biomasa (AVEBIOM), baixo o título Conecta Bioenergía: solucións con biomasa para municipios en Galicia e no que se debateu sobre a biomasa térmica en Galicia e se expuxeron, por parte de representantes dos concellos de Xove e Palas de Rei (Lugo) e de Vilamarín (Ourense), casos prácticos de uso da biomasa en edificios e equipamentos públicos.





