O vindeiro luns 22 iníciase unha intensa semana no CSM de Vigo. Como primeiro prato desta semana, o luns ás 20 horas no Auditorio Martín Códax do CSM de Vigo, a Orquestra do Cmus Manuel Quiroga de Pontevedra baixo a dirección de Francisco J. Amora interpretarán obras de Grieg, Rimski-Korsakov e Músorgski.
O martes dáse o pistoletazo de saída das Saxornadas. De martes a venres haberá clases, concertos e conferencias nas que o saxofón será o protagonista. O martes ás 20 horas, no Auditorio Martín Códax do CSM de Vigo, Juana Palop Tecles (saxofón) Pablo Rodríguez (piano) serán os responsables de inaugurar o ciclo de concertos. Juana é un dos referentes actuais do saxofón en España e profesora no Conservatorio Real da Haia.
O mércores 24 ás 20 horas será a quenda de Stage: Dúo saxofón e piano. Bruno Santos (saxofón barítono) Pablo Rodríguez (piano) presentarán o proxecto Stage. O portugués Bruno Santos presenta o primeiro traballo discográfico gravado en Portugal para Saxo Barítono. O tema de Stage é a ente e os seus diferentes estados de ánimo, así como as emocións asociadas a eles.
O xoves á mesma hora no Auditorio Martín Códax os alumnos da aula de Saxofón do Cmus Profesional de Música de Vigo protagonizarán un concerto no que presentan un programa con formacións variadas mostrando a enorme versatilidade do saxofón.
Para pechar a semana do saxofón o venres Álvaro Collao León poñerá o broche de ouro. Álvaro destaca como un versátil saxofonista, improvisador, compositor e arreglista afincado en Viena. É profesor de saxofón no Joseph Haydn Institut für Kammermusik und Neue Musik da Universidade de Música e Artes Escénicas de Viena e director artístico do festival internacional de música de Tarapacá e ChileSaxFest.
Entremedias visitarán o CSM de Vigo diferentes docentes a través do Proxecto Erasmus+ que durante esta semana impartirán clases e conferencias. Aos xa citados Juana Palop e Álvaro Collao únense Joscha Bernath (profesor de canto da Academy Of Music “Franz Liszt” de Weimar), Antonio Caroccia (profesor de Musicología do Conservatorio “Sta. Cecilia” de Roma) e Maria Grazia Dalpasso (profesora de piano do Conservatorio “Luigi Querubini” Florencia).