O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, acudiu esta mañá acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, á entrega de bandeiras de Sendeiros Azuis en Santiago
O acto estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e celebrouse na Cidade da Cultura. O municipio mantén un ano máis o liderado no número carreiros con esta certificación de España ao contar con algo máis de 30 quilómetros con este distintivo nun total de sete roteiros. Un xurado de máis de 20 profesionais e expertos nacionais e internacionais encargáronse de verificar os criterios para a concesión dos distintivos.
Sanxenxo inaugurou con 4 roteiros a súa listaxe de Sendeiros Azuis en 2017: O de Sanxenxo-Portonovo, que transcorre entre os dous núcleos e ten unha lonxitude de 8,61 km; o de Canelas-Punta Cabicastro, que vai desde o extremo máis oriental da praia ata os cantís e mide 3,35 km; o de Montalvo-Major, que une ambos os areais pola costa e ten unha lonxitude total de 6,45 km, e o sendeiro máxico da Lanzada, que vai desde a praia de Foxos ata A Lapa e unha lonxitude de 3,03 km.
En 2018 sumáronse dous novos, o Carreiro Litoral Areas-Punta Festiñanzo, entre Areas e o punto máis ao sur, Punta Festiñanzo, con 1,5 km de percorrido, e o de Paxariñas e Montalvo, que transcorre entre as dúas praias e ten unha lonxitude de 3,35 km. En 2022 sumou o seu primeiro roteiro polo interior, a de Aldariz, con 6.300 metros, unha nova posibilidade que presentou o programa da Adeac que ata o de agora só admitía sendeiros que transcorresen por praias ou portos con Bandeira Azul.
O Concello de Sanxenxo márcase novos retos e quere seguir ampliando esta cifra de sendeiros co da Ruta de Dorrón, unha vez que estea concluída. O obxectivo é poder incluíla no programa de 2024 e presentar a candidatura este mesmo ano. Sanxenxo tamén ostenta, polo momento, o liderado español en bandeiras azuis con 17 praias, pero o fallo do xurado da Adeac para este ano coñecerase máis adiante.