spot_img
InicioBaixo MiñoSaneamento, mellora da eficiencia enerxética e a seguridade viaria, son algunhas dás...

Saneamento, mellora da eficiencia enerxética e a seguridade viaria, son algunhas dás demandas da Alcaldesa de Oia ao novo Delegado da Xunta en Pontevedra

saneamento-mellora-da-eficiencia-enerxetica-e-a-seguridade-viaria-son-algunhas-das-demandas-da-alcaldesa-de-oia-ao-novo-delegado-da-xunta-en-pontevedra

O novo delegado territorial da Xunta en Pontevedra mantivo un encontro coa alcaldesa da localidade, Cristina Correa, con quen analizou cuestións coma o saneamento, a mellora da eficiencia enerxética e a posta en marcha dunha senda que mellore a seguridade viaria no entorno do concello e o Mosteiro.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe o concello de Oia onde mantivo unha entrevista coa súa alcaldesa, Cristina Correa, quen lle transmitiu as principais preocupacións do municipio.

O delegado territorial iniciou así hoxe, tras tomar onte posesión do seu cargo, unha rolda de visitas polos concellos dependentes da Delegación Territorial de cara a escoitar os responsables municipais e analizar as súas demandas.

Entre as principais necesidades que demandou a rexedora de Oia ao delegado territorial se atopan cuestións relacionadas co saneamento, a mellora da eficiencia enerxética e da seguridade viaria.

Cristina Correa aproveitou para agradecer ao delegado territorial que visitara o seu concello, “xusto ao día seguinte de tomar posesión, e de que veña ata o noso municipio a tomar nota das nosas demandas e necesidades”.

Neste senso, trasladoulle a Cores Tourís a necesidade de continuar coa reforma que se está a executar nas inmediacións da casa do concello de cara a poder reestruturar a planta baixa do edificio, onde se atopa a biblioteca, e poder instalar a entrada ao edificio a través desta área. Ademais, tamén informou ao delegado territorial que se procederá a retirar un poste de telefonía que se atopa en esa praza recentemente creada de xeito que se poida destinar este entorno a mirador.

“Desexamos dar continuidade ao investimento que estamos a facer nesta praza e para iso demandamos á Consellería de Infraestruturas que se instale unha varanda na beirarrúa que enlaza a casa consistorial coa Escola Infantil, mellorando tamén esta beirarrúa e transformándoa nunha senda peonil cun paso de peóns que permita enlazar coa baixada ao Mosteiro”, explicou a alcaldesa, quen destacou que, de cara a potenciar precisamente a seguridade viaria, a Xunta xa está a levar a cabo as obras de mellora do carril-bici.

Tamén demandou axudas mellorar a eficiencia enerxética da vila, recordando que aínda existen luminarias de mercurio no municipio, así como continuar cos traballos de execución do saneamento nos distintos puntos do concello. Por outra banda, tamén quixo informarse sobre as axudas que a Xunta porá en marcha ao longo desta nova lexislatura para adaptar o planeamento á nova lei, recordando que o PXOM de Oia se atopa en fase de aprobación inicial.

O delegado territorial, pola súa banda, destacou que nos próximos días estará a visitar os diferentes concellos das comarcas do Deza, Tabeiros-Terra de Montes, Pontevedra, Salnés, Caldas de Reis, Morrazo, Baixo Miño e Condado-Paradanta, de cara a recoller as necesidades dos mesmos, “en especial tendo en conta a próxima aprobación dos orzamentos autonómicos e cara a poder atallar as demandas e preocupacións dos municipios”.

- Publicidade -spot_img