O proxecto, que permitirá construír fogares inclusivos no antigo colexio das Carmelitas da Guarda, terá capacidade para 60 persoas.
A Asociación San Xerome Emiliani pon en marcha o proxecto Fogares Sanxe, unha solución residencial innovadora dirixida ás persoas con diversidade intelectual da comarca do Baixo Miño. Concretamente, Fogares Sanxe permitirá rehabilitar o antigo colexio das Carmelitas da Guarda e destinalo á construción de 30 fogares inclusivos. A iniciativa, posta en marcha pola Asociación San Xerome Emiliani, permitirá que 60 persoas con diversidade intelectual da comarca vivan de forma autónoma e que, ao mesmo tempo, reciban apoio profesionalizado para poder facelo.
Os residentes, persoas usuarias da Asociación, compatibilizarán a súa autonomía coa recepción de servizos de atención personalizada
“O modelo Coop- housing, pioneiro en Galicia, é o que mellor se adapta ás nosas expectativas”, explica o Xerente da Asociación San Xerome Emiliani, Feliciano Valcárcel, “as persoas socias serán as persoas con diversidade intelectual que residan nos Fogares Sanxe. Serán copropietarios dos seus propios fogares, vivirán neles sen afastarse da súa contorna, manterán a súa autonomía e poderán participar na toma de decisións. Ademais, contarán cunha ampla carta de servizos complementarios, con atención personalizada e, así, os seus familiares recibirán apoio para a conciliación”.
Feliciano Valcárcel, destaca tamén que “as persoas con diversidade intelectual teñen o mesmo dereito a emanciparse, a vivir a súa vida independente cos apoios necesarios, como o resto das persoas sen diversidade. Por tanto, os axentes políticos e sociais temos o deber de garantir o acceso a este Dereito”.
O Xerente de San Xerome, Feliciano Valcárcel, destaca que “con esta iniciativa damos resposta ao dereito de emancipación que teñen as persoas con diversidade intelectual”
O Xerente de San Xerome apunta ademais que unha das grandes preocupacións das familias das persoas con diversidade intelectual é dar resposta ao Que será das nosas fillas e fillos cando non podamos facernos cargo delas e deles?. Neste sentido, Valcárcel sinala que “a través do proxecto Fogares Sanxe damos resposta a esta cuestión; xa que é necesario e un deber ético ofrecer unha solución respecto diso”.
Impulso para a economía do Baixo Miño:
Á súa vez, Valcárcel subliña que a posta en marcha deste proxecto permitirá xerar postos de traballo e que fixará poboación na comarca do Baixo Miño: “ Fogares Sanxe, ademais de apoiar ás familias das persoas con diversidade intelectual, servirá para impulsar o desenvolvemento da nosa economía, revalorizar o noso patrimonio urbanístico, a nosa historia e a nosa comunidade”. O proxecto, que foi posible grazas á doazón do antigo colexio das Carmelitas da Guarda, supoñerá un investimento de case 6 millóns de euros.
🌐Máis información en: http://fogares.sanxerome.com/