spot_img
InicioCondado ParadantaSalceda estudia opcións para novas instalacións deportivas

Salceda estudia opcións para novas instalacións deportivas

Salceda estudia opcións para novas instalacións deportivasNesta semana, a Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, o Concelleiro de Vías e Obras, Miguel González, o Concelleiro de Deportes, Rubén González, e o arquitecto municipal, Rubén Martín, reuníronse con representantes da Comunidade de Montes de Santo Estevo de Budiño, representantes do equipo de fútbol afeccionado da parroquia e representantes da Escola de Fútbol Denis Suárez.

A xuntanza serviu para estudiar as condicións do campo de fútbol de Budiño no proceso de busca de novas instalacións deportivas que o Concello ten en marcha, ante o aumento de demanda deste tipo de instalacións nos últimos tempos.

O Concello conta na actualidade con dous campos de fútbol: o campo municipal da Gándara, que por ser un campo de herba natural ten un uso limitado para o correcto mantemento do céspede, e o campo do Penedo Redondo, de céspede artificial, construído nos terreos que a Comunidade de Montes de Parderrubias cedeu ao Concello por un período de 30 anos. Cos dous campos dase resposta ás necesidades do Caselas C. F., as Escolas de Fútbol Denis Suárez e os equipos de fútbol afeccionado da parroquia de Parderrubias, ademais de outras solicitudes puntuais que se producen ao longo do ano.

Sen embargo o rápido incremento das Escolas Denis Suárez, que acollen xa a 206 nenos e nenas, fai urxente a creación de novos espazos que garantan a actividade, polo que o Concello traballa na valoración de diversas posibilidades, sendo a do campo de Budiño unha delas, por atoparse a tan só 300 metros do actual campo de fútbol do Penedo Redondo.

O Concello valora tamén a creación dun novo campo de fútbol 8 e unha zona de adestramento de porteiros e porteiras anexos ao campo do Penedo Redondo, para o que se está en contacto coa Comunidade de Montes de Parderrubias, estudiando a posibilidade de cesión de 4.100 m2 que se unirían aos 9.000 m2 cedidos actualmente

Rubén González, Concelleiro de Deportes: “Aínda que o fútbol é un dos deportes que máis nenos e nenas move no noso Concello, dende o equipo de Goberno estamos a traballar tamén na busca de novas instalacións para os demais deportes con presenza en Salceda. Os clubes deportivos teñen a garantía de que este Goberno non vai escatimar esforzos para que poidan traballar nas mellores condicións”.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “É un privilexio contar con un proxecto como o do noso veciño Denis Suárez, polo que exploraremos tódalas vías precisas para alcanzar o noso obxectivo. Temos a sorte de vivir nun Concello dinámico e en constante aumento de poboación, polo que imos centrar os nosos esforzos en garantir as mellores instalacións para as diferentes actividades realizadas no noso municipio.”.

- Publicidade -spot_img