spot_img
InicioBaixo MiñoRutas guiadas para difundir o patrimonio de Oia

Rutas guiadas para difundir o patrimonio de Oia

A Xunta investirá 900.000 € para rehabilitar a Igrexa do Mosteiro de Santa María de Oia, unha das xoias do Camiño Portugués da CostaO Concello de Oia organiza en xuño 2 rutas guiadas para difundir o seu patrimonio

O Concello de Oia organiza dúas rutas guiadas no mes de xuño co obxectivo de dar a coñecer o legado cultural, natural e a beleza paisaxística do municipio. Estas dúas actividades forman parte dunha programación municipal que, ao longo deste ano, ofrecerá unha serie de propostas de lecer que combinan a actividade segura e ao aire libre (moi demandada durante a pandemia) coa divulgación e concienciación sobre o patrimonio local.

O domingo 13 realizarase a ruta circular do Mosteiro, mentres que o 27 haberá unha andaina pola Valga

A primeira das dúas andainas desenvolverase o domingo 13 pola mañá e consistirá nun percorrido pola denominada Ruta do Mosteiro: un itinerario de sendeirismo circular sinalizado e de dificultade baixa de 8km de lonxitude. O punto de encontro será a oficina de turismo de Oia (10.00h.) e, desde aí, percorrerase os barrios do Arrabal e Chavella, o miradoiro e petróglifos da Pedreira (Santa María de Oia) e o barrio de Vilar en Pedornes, para facer a volta ao punto de partida polo Camiño de Santiago, pasando por diante do Mosteiro para chegar de novo á oficina de turismo.

A segunda proposta desenvolverase o domingo 27, cun percorrido de arredor dos 9km e de dificultade baixa no que as persoas participantes descubrirán a gran riqueza paisaxística, natural e patrimonial da Valga, na parroquia de Loureza. O punto de saída será o curro (10.00h) e, aproveitando diferentes tramos das rutas sinalizadas que hai nesta zona, pasará preto de zonas de braña, achegarase ata os muíños do río da Cal e espazos de ampla panorámica, para volver de novo ás inmediacións do curro.

As andainas inclúen guía (Amodo Turismo para Descubrir) e  contarán cunha breve explicación dos principais valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos de cada zona; concienciando sobre a importancia de coñecelos e conservalos.

As dúas actividades son gratuítas e desenvolveranse seguindo as medidas de prevención fronte á COVID-19 en vigor en cada momento. As prazas son limitadas, polo que cómpre inscribirse previamente no correo electrónico cultura@concellodeoia.es ou nos teléfonos 986.36.21.25 e 639.32.94.93.

Con estas dúas actividades no mes de xuño ábrese a programación municipal de rutas para este ano 2021. A iniciativa terá continuidade nos próximos meses con novas propostas pensadas para achegar o patrimonio local á veciñanza e visitantes a través de actividades de lecer saudable e en espazos ao aire libre.

O domingo 13 realizarase a ruta circular do Mosteiro, mentres que o 27 haberá unha andaina pola Valga

- Publicidade -spot_img