A ruta do románico de Silleda é un itinerario que conecta varias igrexas e conxuntos románicos do municipio, situados na Vía da Prata ou Camiño Mozárabe a Santiago.
Algúns dos templos máis destacados que se poden visitar son as igrexas de Abades, Ansemil, Breixa, Escuadro, Dornelas, Fiestras, Ou Castro e Taboada. Cada edificio ten unha arquitectura e detalles únicos, como os capiteis con bestiario da igrexa de Breixa, e están sinalizados con paneis informativos.
A igrexa de San Pedro de Ansemil é parte da Ruta do Románico de Silleda, un roteiro que percorre o patrimonio románico do municipio.
Edificación protorrománica, con orixe entre os S. IX e X, foi mosteiro habitado por unha comunidade de monxas bieitas, contemporáneo do de S. Lourenzo de Carboeiro. Esta antiga igrexa mosteiral, está formada por dúas capelas, unha románica e outra gótica que integran ámbolos dous estilos arquitectónicos e escultóricos.
A Románica é de pranta basilical de tres naves con tres tramos, o central dobre de ancho, separados mediante piares de sección rectangular. A cabeceira conta cunha soa capela rectangular.
A fachada principal, situada ao oeste, composta de dúas arquivoltas, gardapolvos de xadrezados e tímpano liso, destaca polos catro capiteis de boa talla, dous con adornos vexetais, un con dous leóns e o cuarto cun personaxe decapitado cun libro entre outros individuos de aparencia simiesca.
A capela gótica, dedicada a Sta. Ana, que tamén se coñece como Capela Señorial dos Deza, alberga o sartego do Cabaleiro Diego Gómez de Deza, datado no ano 1341.
Adosada á románica polo muro sur, ten unha soa nave. Presenta porta rectangular de xambas lisas con dintel pentagonal na que destaca o Agnus Dei cunha cruz flordelisada,
entre o sol e a lúa e sobre de todo…,
…unha imaxe da Virxe do Leite sentada nunha cadeira oxival trilobulada baixo dosel.
Conserva uns interesantísimos canzorros de diversa tipoloxía, con ferraxes medievais rematados en bocas de serpes nas follas das portas.










