A parella tudense queda moi preto do ouro que foi para o tándem de Eslovaquia.
Rubén Millán e Gabriel Campo alcanzaron a medalla de prata na final do K2 500 metros no campionato de Europa que se está disputando en Moscu. Os padeeiros do Kayak Tudense foron segundos a tan só 272 milésimas da embarcación eslovaca, despois de protagonizar un espectacular tramo final onde pasaron da quinta á segunda posición.
Ambos padeeiros teñen un percorrido internacional moi grande, pero esta é a primeira medalla desde que forman parella. Aínda que este resultado é moi bo, a quinta posición conseguida no día de onte na final do K2 1.000 metros demostra que están no camiño correcto para representar a España nos próximos anos.
Ademais, durante a mañá disputáronse máis finais con representación galega. A tripulación do K4 1000 metros na cal participaba o tomiñés Roi Rodríguez conseguía a quinta posición. A embarcación española entraba en meta moi preto dos postos de podio ao realizar unha parte final da proba moi forte que lles fixo loitar polas medallas. Adrián Sieiro e Sergio Vallejo foron sétimos na final do C2 200 metro.
Xa pola tarde, das tres finais que había, dous contaban con padeeiros da terra, Diego Romero foi noveno no C1 5000 metros e Gabriel Pavón que nas dúas copas do mundo nas que participou na distancia de 5.000 metros estivo preto do podio ocupou a decimosegunda posición.




