spot_img
InicioVal MiñorBaiona"Rompe. Xoga en Igualdade" xa está en Baiona para concienciar sobre a...

“Rompe. Xoga en Igualdade” xa está en Baiona para concienciar sobre a necesidade de rachear coa lacra da violencia machista

A exposición “Rompe. Xoga en Igualdade” xa está en Baiona para concienciar sobre a necesidade de rachear coa lacra da violencia machista. Foi a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen inaugurou hoxe esta mostra que poderá visitarse na Capitanía Marítima de Baiona ata o vindeiro 3 de febreiro

Carmela Silva, xunto a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal e integrantes da corporación municipal, inauguraron este mediodía, na Capitanía Marítima de Baiona, a exposición “Rompe. Xoga en Igualdade”, que poderá visitarse ata o vindeiro día 3 de febreiro. A mostra está protagonizada polas bonecas “Barbie”, que foron intervidas para amosar situacións de desigualdade, discriminación e violencia que aínda hoxe, en pleno século XXI, seguen a sufrir as mulleres dende nenas. No acto tamén participaron as artistas da exposición, Isabel Blanco e Irene Silva.

Ante ducias de estudantes de centros escolares da vila e asociacións de mulleres, Silva lembrou que hoxe en día é necesario “reivindicar que as mulleres temos que loitar máis polos nosos dereitos, porque somos  o 52% da poboación e temos dereito absolutamente a metade de todo ao igual que os homes”. Tamén fixo especial fincapé na importancia da educación igualitaria, xa que “cada ano se matriculan menos nenas nas carreiras STEM, o que provocará que en plena revolución tecnolóxica sexan os homes os que vaian dominar o mundo”, ao tempo que recordou que “é incrible que hoxe en día haxa xente que negue certas evidencias como a desigualdade ou a violencia machista”. Así mesmo, a presidenta recalcou que “este tipo de actitudes alimentan o estereotipo de muller submisa e perfecta que teñen as barbis”.

“Rompe. Xoga en Igualdade” chega a Baiona, tal e como explicou Silva, como “unha mostra para todas e todos, cuxa finalidade é espallar as ideas de igualdade e de rachar cun sistema que nos intenta deixar nun segundo plano” e que ademais, son bonecas intervidas para “amosar as situacións de desigualdade que vivimos, son imaxes coas que queremos romper e concienciar”.

Esta rompedora exposición consta de 18 paneis e vitrinas con bonecas ”Barbies intervidas” que amosan situacións cotiás de desigualdade. As artistas creadoras da mostra, Isabel Blanco e Irene Silva, explicaron que a boneca protagonista da exposición foi seleccionada por tratarse da máis famosa da historia, coa que a diario xogan milleiros de nenas e nenos en todo o mundo pero que, ao tempo, transmite valores sexistas e presenta a unha muller obxecto. Deste xeito, interviñeron as bonecas para romper e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes e concienciar á sociedade para que se poña fin á discriminación e á violencia machista. Trátase dunha mostra cun importante valor simbólico e poético, e por iso, diante de cada peza hai un martelo co fin de trasladar a idea de romper con esa situación.

“Rompe. Xoga en Igualade” poderá visitarse no na Capitanía Marítima de Baiona ata o vindeiro 3 de febreiro. Estará aberta ao público os venres, sábados e domingos en horario de 17.00 a 20.00 horas.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.