A escritora e profesora da Universidade de Vigo Rexina Vega converteuse na gañadora do XXII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego polo seu artigo Aínda aprendo. Publicado en 2024 na revista Tempos Novos, trátase dun texto no que afonda nas implicacións da palabra cancro e na importancia de “desposuír de relato” unha verba “marcada polo tabú e o medo”, que parte ademais da súa experiencia vital como persoa afectada por esta enfermidade.
Dotado cun premio económico de 10.000 euros e dirixido a recoñecer textos inseridos no xénero do xornalismo literario e artigos de opinión, Fernández Vega recibiu este galardón no acto celebrado este xoves na Sede Afundación Pontevedra.
Xunto ás outras dúas finalistas, Alba Moledo e Carmen Villar, acompañaron á premiada neste acto o director xerente de Afundación, Pedro Otero, e as persoas integrantes do xurado, Víctor Freixanes, Fina Casalderrey, Diego Ameixeiras, Gloria Rodríguez, Xosé Carlos Caneiro e Carlos Valle. “Estou moi agradecida ao xurado, integrado por persoas que admiro sinceramente”, salientou Vega, quen puxo tamén en valor a importancia dun premio que contribúe a “dignificar o uso dunha lingua”, así como o “pouso” que o xornalismo literario “deita sobre o presente”.
A escritora e investigadora, á que a enfermidade lle impide arestora exercer como docente na Universidade, sinalou tamén que o artigo premiado “conta momentos duros, momentos que tarde o cedo acaban chegando a cada vida, pero teimamos por agochar”, subliñando que a súa finalidade “era calmar a imaxinación, non incitala” e “desposuír de relato” a palabra cancro.



