O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitou, na tarde de hoxe, a Illa de San Simón onde se están levando a cabo as obras para a reparación do muro de contención situado no Campo das Alocucións. O departamento dirixido por Vázquez Abad, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, destina un total de 94.000 euros para esta reparación urxente no Concello de Redondela e está previsto que rematen o vindeiro 15 de setembro.
Na actualidade xa se retiraron os restos de pedra e terra precisos para a posterior reconstrución do muro. Ademais colocáronse as estadas, fíxose a cementación e xa está levantada unha parte do muro. Tamén foi preciso apuntalar unha serie de árbores que corrían risco de derrubo.
Neste orzamento tamén se incluíron todas as medidas auxiliares e complementarias precisas para a execución da obra, como transporte de maquinaria, material e persoal ata a illa, o desprazamento dentro dela ou o traslado de cascallo ata o vertedoiro.