spot_img
InicioGaliciaRemata a terceira edición do programa de dinamización lingüística Dragal

Remata a terceira edición do programa de dinamización lingüística Dragal

Dragal é un programa impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos equipos de dinamización da lingua galega que se basea na saga literaria homónima de Elena Gallego

A terceira edición do programa dinamización lingüística Dragal, que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos equipos de dinamización da lingua galega, pechouse hoxe coa derradeira das actividades deseñadas para este curso académico: a entrega de diplomas de participación e o xogo de rol do “Encontro da Fraternidade” que se desenvolveu no Pico Sacro, lugar emblemático na saga literaria da escritora Elena Gallego en que se basea.

No curso 2015-2016, o programa de dinamización lingüística Dragal chegou a 225 alumnos e alumnas de 6 centros de ensino secundario -o IES de Becerreá, o CPI Cernadas de Castro de Lousame, o CPI Plurilingüe de Vedra, o IES nº 1 do Carballiño, o IES de Cotobade e o IES Salvaterra do Miño- cos os obxectivos de promover a lectura e a creatividade na lingua propia de Galicia.

Para conseguilo, dende xaneiro o alumnado traballou na lectura e análise da primeira entrega da saga Dragal, así como na dragalización ou ambientación novelesca do seu centro educativo e na elaboración de vídeos de presentación cos que darse a coñecer aos outros institutos participantes. Durante o primeiro trimestre do ano, os estudantes mantiveron tamén encontros con Elena Gallego, coa que dialogaron sobre a novela.

A terceira avaliación dedicouse a tarefas de investigación e de creación arredor do patrimonio inmaterial galego, que culminaron na recollida de lendas da contorna de cada centro educativo e na visita do contador César Cambeiro, que as incorporou ao seu repertorio e llelas relatou aos alumnos e alumnas. No Portal da Lingua Galega poden verse imaxes das actividades e mostras dos traballos realizados.

Dinamización da lingua galega nos centros de ensino
A Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolve accións de promoción do galego nos centros educativos a través dos equipos de dinamización da lingua galega, que se encarga de coordinar. Entre elas, encóntranse o programa Dragal, destinado a centros de educación secundaria, ou o programa Nós tamén creamos!, para colexios de infantil e primaria.

Ademais, cada equipo de dinamización recibe axudas para deseñar e producir as súas propias actividades de maneira autónoma e adaptada á contorna en que se sitúa o colexio ou instituto a que pertence.

- Publicidade -spot_img