O 1 de abril celébrase o Día das Artes Galegas, dedicado este 2025 ao artista, creador e intelectual galego Isaac Díaz Pardo. A Real Academia Galega das Belas Artes xustificou a elección por ser Díaz Pardo “unha figura fundamental e referente ineludible para poder comprender as artes contemporáneas de Galicia”.
O artista foi responsable da nova etapa de restauración da cerámica de Sargadelos, que concibiu como empresa e centro de investigación, tecnoloxía, deseño e difusión das artes e da cultura galegas.
No comunicado de prensa difundido polo Concello, a alcaldesa, Digna Rivas, lamenta que un día como o de hoxe Redondela non poida ter aberta ao público a mostra de Sargadelos instalada na Casa da Torre. O Concello segue á espera de recibir por parte da Xunta o novo convenio para a cesión deste espazo, xa que o que se fixo en 2016 para a súa posta e marcha venceu hai anos.
A louza de Sargadelos. Historia dunha Real Fábrica en Galicia
O Director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, comprometeuse coa alcaldesa a que no primeiro trimestre deste ano estarían os convenios asinados, prazo que rematou sen ter recibido no Concello comunicación algunha. En canto á solicitude feita pola Axencia de Turismo de Galicia sobre os medios que habilitará o Concello en materia de seguridade na sala da exposición, dende o Concello solicitouse á Axencia que remita as medidas necesarias a incluír en materia de seguridade. A alcaldesa lembra que o convenio de cesión, asinado pola Xunta co anterior goberno do PP, establecía a instalación de cámaras de vixilancia que son as mesmas que se conservan a día de hoxe na sala. Rivas lembra que, se o Plan Xacobeo ten intención de renovar a cesión “nas mesmas condicións”, os requisitos en materia de seguridade “deberían ser os mesmos que eran perfectamente válidos ata o de agora”.
A alcaldesa, a través dos servizos técnicos do Concello, xa solicitou á Xunta “que na maior brevidade posible” se leven a cabo as xestións necesarias para a renovación dos convenios para o uso da sala da Casa da Torre, onde se alberga a exposición de Sargadelos, así como a cesión da praza da Torre e da parcela O Carballo das Cen Pólas e finca anexa A Garonda en Reboreda, tal e como se indicou en ocasións anteriores.
Rivas afirma que o Concello está “na mellor das disposicións para asinar este acordo polo que estamos a agardar desde hai anos”. A rexedora redondelá confía en que desde a entidade dependente da Xunta se confirme tamén canto antes esa boa disposición para facer o acordo oficial “tal como se comprometeu o director da Axencia de Turismo de Galicia na súa visita a Redondela”.



