«A memoria da estirpe», iniciativa promovida polo Servizo de Normalización Lingüística dependente da concellería que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, comezou a desenvolverse este verán no centro de día de Cesantes
O centro de día de Cesantes foi, este verán, punto de partida dun proxecto promovido polo Servizo de Normalización Lingüística dependente da concellería que xestiona a alcaldesa Digna Rivas que, baixo o nome de «A memoria da estirpe», busca recuperar, conservar e poñer en valor o patimonio oral do municipio. Trátase dun ambicioso plan de traballo co que se pretenden custodiar unha parte importante da historia de Redondela. Esta iniciativa diríxese aos centros de día para que as persoas usuarias participen cedendo como legado a súa vida e experiencias.
“Detrás de cada persoa maior, hai unha vida única chea de experiencias e vivencias que se perde coa súa desaparición. Nós debemos perpetuar a súa memoria e esa experiencia vital porque son parte esencial da nosa historia”, afirma a alcaldesa Digna Rivas na visita que realizou ao centro de día de Cesantes acompañada por Rocío Marín, directora de Mekané Didáctica, empresa que executa o proxecto, e Tamara Laíño, traballadora social do Concello de Redondela.
«A memoria da estirpe» divídese en cinco grandes áreas de traballo: antropoloxía, toponimia, memoria fotográfica, léxico e música. A través de entrevistas individualizadas coas persoas maiores e contando previamente cos permisos tanto da persoa en si como das súas familias, así como coa colaboración do propio centro, vaise recollendo unha información de enorme interese. Porque a Galicia de hai medio século cambiou radicalmente á que hoxe coñecemos. Por iso, “dende o SNL de Redondela, rexistrouse esta iniciativa pioneira co propósito de non perder todo este acervo cultural”, matiza a rexedora redondelá.
O proxecto comezou a executarse ao longo do verán no centro de día de Cesantes e continuará este vindeiro ano noutros centros de día de Redondela para, dese xeito, seguir ampliando este tesouro patrimonial. A alcaldesa Digna Rivas tamén adiantou a intención do Concello de presentar este proxecto á Xunta de Galicia “co propósito de exportar esta idea a todos os centros de día públicos de Galicia”. “Cada persoa maior ten unha vida repleta de vivencias únicas, a gran parte delas moi duras e cheas de grandes esforzos e sacrificios e que deben ser un exemplo para todas e todos nós”.
No proxecto, apuntan dende o SNL, colabórase con proxectos lingüísticos da Universidade de Santiago de Compostela e da Real Academia Galega subliñando a importancia “do léxico dialectal e da microtoponimia”. As persoas entrevistadas son de varios perfís pero ligados a Redondela e ao mar: mariscadoras, carpinteiros de ribe