As concellerías de Turismo, Medio Ambiente e Sostibilidade amplían ao mes de setembro as actividades de ecoturismo e educación ambiental que tan boa acollida tiveron ao longo do verán
A partir do luns ofrécense un total de 15 propostas con roteiros ambientais polos ríos de Redondela, visitas guiadas polo centro histórico da vila, saídas nocturnas polo litoral de Cesantes así como rutas en bicicleta e kaiak, entre outras activididades. -A alcaldesa, Digna Rivas, salienta a “transversalidade” desta programación, que tivo moi boa acollida por parte da veciñanza e visitantes que se achegan a Redondela”.
A alcaldesa Digna Rivas salienta a “transversalidade” sobre a aposta do ecoturismo e o medioambiente co nacemento deste programa que comezou en xullo “con moi boa acollida por parte da veciñanza e visitantes que se achegan a Redondela”. No programa traballan conxuntamente as concellerías de Medio Ambiente, que dirixe Pilar Martínez, Turismo, a cargo de Rita Pérez, e a concellería de Sostibilidade, que ostenta Roberto Villar.
A edil de Medio Ambiente, Pilar Martínez, destaca o valor destas actividades “para concienciar á cidadanía, especialmente aos máis pequenos, con roteiros que lles permiten coñecer o patrimonio natural do municipio”. carácter educacional destas actividades que buscan espertar unha conciencia medioambiental sobre todo entre os máis cativos. A concelleira de Turismo, Rita Pérez, explica que estas saídas ambientais “promoven un turismo responsable ao tempo que dan a coñecer os recunchos e atractivos turísticos de Redondela”.
A primeira das actividades deste mes será o luns, 4 de setembro, coa visita guiada “A vila pola tardiña” que é de balde. O xoves 7 de setembro está organizada unha ruta en kaiak pola enseada, cun prezo subvencionado de 15 euros, que se repetirá o domingo día 10 de setembro. O venres día 8 a saída consistirá nun paseo nocturno por Cesantes e o sábado día 9 os roteiros ambientais desprázanse a Chapela para percorrer as beiras do río Fondón, ambas actividades de balde.
Roberto Villar, concelleiro de Sostibilidade, destaca a importancia de poñer en valor “os recursos ambientais de Redondela, tanto no seu litorial como nos cursos fluviais e o resto de patrimonio natural do municipio”.
As actividades precisan de inscrición previa na oficina de turismo, na rúa Isidoro Queimaliños, no teléfono 986 401713 ou no enderezo turismo@redondela.gal.