spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaRedondela homenaxea esta fin de semana ás 'Mulleres da Illa de San...

Redondela homenaxea esta fin de semana ás ‘Mulleres da Illa de San Simón’

Redondela homenaxea esta fin de semana ás 'Mulleres da Illa de San Simón'O paseo de Cesantes, coa Illa de San Simón como telón de fondo, acolle dende onte a exposición fotográfica ‘As Mulleres da Illa’, un recoñecemento público a todas mulleres que nos complexos e perigosos tempos da Guerra Civil e da posguerra, teceron unha rede solidaria capaz de levar esperanza aos presos políticos que agardaban, na illa, un futuro incerto.

A alcaldesa Digna Rivas, acompañada por representantes do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, presidiu o acto inaugural acompañada por concelleiras e concelleiros do grupo de Goberno e da Corporación Municipal. Realizábase, con este acto, a inauguración oficial da exposición inicialmente prevista para o 16 de abril –coincidindo coa apertura da mostra na Alameda Castelao– pero que tivo que se adiada polas malas condicións meteorolóxicas deses días.

“A exposición tiña que vir necesariamente aquí, a Cesantes, coa Illa de San Simón á vista como recordatorio de tempos escuros que enmarcan a heroicidade destas mulleres ás que neste ano homenaxeamos”, afirmou a alcaldesa nas súas palabras.

Riva agradeceu o “traballo incansable” do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy que permite “que hoxe, aquí en Cesantes, a exposición conte coas fotografías de nove mulleres máis que formaron das coñecidas como as madriñas, “mulleres que non só exercían de lavandeiras –afirmou a rexedora redondelá– senón que co risco que naqueles tempos supuña, servían de correos entre os presos políticos e as súas familias e facíanlles chegar roupa, medicinas e mesmo alimentos”.

Foron heroínas –concluíu– “que achegaron esperanza aos presos sen pensar, nin tan sequera, no risco que iso supuña. Este recoñecemento é, polo tanto, unha obriga que tiñamos non só con elas, senón coas súas familias. E un xeito de dicirlles grazas”

Trala apertura da exposición en Cesantes, este sábado, 17 de xullo e xa na propia Illa de San Simón, terá lugar o acto institucional de recoñecemento ao traballo destas mulleres. O acto desenvolverase pola tarde e no transcurso do mesmo intervirá Cecilia Orge para glosar e falar da historia das mulleres solidarias de San Simón; a presidenta da Deputación, Carmela Silva e a alcaldesa Digna Rivas. Ademais a música estará a cargo de Antía Muíño.

As circunstancias da pandemia obrigaron a limitar a 200 persoas o número de participantes. Desta maneira poderán acudir apenas dúas persoas por familia, representantes dos colectivos que colaboraron na homenaxe e representantes de distintas institucións. O Concello de Redondela tamén convidou aos alcaldes e alcaldesas dos concellos limítrofes da Ría de Vigo, á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia.

- Publicidade -spot_img