spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaRedondela e Chapela recuperan o desfile de Comparsas e Enterro do Berete

Redondela e Chapela recuperan o desfile de Comparsas e Enterro do Berete

Redondela e Chapela recuperan o desfile de Comparsas e Enterro do BereteO Entroido 2022 de Redondela volve case que a normalidade coas celebracións nas rúas aínda que mantendo protocolos de seguridade sanitaria e a expensas das directrices que ditaminen as autoridades sanitarias en cada momento

Logo da suspensión das actividades na rúa no pasado 2021, o concello volve a retomar unha das súas celebracións máis tradicionais aínda que mantendo as medidas e normas de seguridade sanitaria que marcan as autoridades competentes na materia.

As bases que rexeran o Desfile de Comparsas e o Enterro do Berete, serán publicadas esta vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), momento en que abrirase o prazo de inscrición que permanecerá aberto ata o 20 de febreiro.

REDONDELA

Para o Desfile de Comparsas e disfraces de Redondela, o Concello destinará un total de 10 500 euros distribuídos tanto en premios coma en axudas ás comparsas que participen nos desfiles. Así, no apartado de axudas, destinará 300 euros ás comparsas que teñan entre 26 e 55 compoñentes; 400 euros aos que conten entre 56 e 80 compoñentes e 500 euros ás formacións que conten con máis de 80 compoñentes.

As categorías nas que se pode participar nos desfiles serán as de Comparsa –agrupación de máscaras nun número superior a 25 persoas–, Mocidade –comparsa que teña o maior número de mozos e mozas menores de idade á data da actuación–, Retranca –comparsa que mellor exprese con segundas intencións e humor a actualidade dentro dun marco de respecto e educación–, Inclusión e diversidade –comparsa con maior número de participantes que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 %–, Grupo –agrupación de máscaras nun número de entre 3 a 25 persoas–, Parella –dúas máscaras– e Individual.

No que aos premios fai referencia, o xurado outorgará un primeiro de 900 euros, un segundo premio de 600 euros e un terceiro de 300 euros. Amais os premios á mocidade, á retranca é a inclusión e diversidade de cada comparsa terán un premio de 500 euros cada un.

O xurado tamén outorgará premios aos grupos –200 euros para o 1º e 150 € para o 2º–, premios de parellas –100 € ao 1º e 80 € ao 2º– e, finalmente, premios individuais dotados con 80 € para o 1º e 50 € para o segundo.

Para poder optar aos premios, é imprescindible que as comparsas acompañen o Entroido nos actos programados para o domingo 27 de febreiro, no que comezará o desfile ás 18 horas dende o Campo da Feira. O concurso de grupos, parellas e individual desenvolverase na tarde do martes 1 de marzo a partir das 17 horas. Todos os que desexen participar nesta fase do concurso realizarán a súa inscrición o mesmo día dende as 16 horas nun posto instalado nos soportais do Concello.

CHAPELA

No que ao Enterro do Berete fai referencia, e que terá lugar o sábado 5 de marzo, o Concello destina un orzamento de 3000 euros que se distribuirán en 400 euros para as comparsas con máis de 80 compoñentes e que leven carroza; 300 euros para as comparsas que conten entre 56 e 80 compoñentes e con carroza de acompañamento; 200 euros para as que teñan entre 26 e 55 compoñentes e leven unha carroza e, finalmente, 100 euros para as comparsas con máis de 25 compoñentes sen carroza.

Tanto no desfile de Redondela como no Enterro do Berete, as comparsas deberán gardar unha unidade temática tanto nos seu vestiario coma na súa actuación e non serán consideradas comparsas don dereito a inscrición aquelas que en anos anteriores repetiran, no substancial, o deu disfraz.

A inscrición para as comparsas para Redondela e Chapela, no caso de persoas físicas, deberá facerse cumprimentando a folla de inscrición e presentándoa no Rexistro do Concello mentres que de tratarse de persoas xurídicas, e tal e como marca a lexislación vixente, tan só poderá facerse por vía da Administración Electrónica.

A alcaldesa Digna Rivas, animou á veciñanza a participar nos actos dun Entroido 2022 “que marca o comezo dunha certa normalidade” aínda que insistiu na necesidade “de cumprir con todas as normas de seguridade sanitaria a fin de que todas e todos poidamos gozar dunhas festas que sempre foron un dos nosos símbolos de identidade”.

“A pandemia segue aí, –enfatizou Digna Rivas– e temos que aprender a convivir con ela. Cumprindo coas normas que en cada momento se diten coa responsabilidade da que sempre fixeron gala as e os redondeláns, non dubido que este Entroido será unha festa por todo o alto”.

- Publicidade -spot_img