O Campo da Feira de Redondela acolle o vindeiro 31 de agosto a X Xuntanza Moteira Vila dos Viadutos, organizada polo Motoclub Redondela e coa colaboración do Concello. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Iván Valles, presentaron onte o evento acompañados de membros do club redondelán.
As actividades darán comezo ás 12.00 horas coa apertura do recinto situado no Campo da Feira e animación musical . Ás 16.00 horas, saúdo da mascota Xaquín e ás 17.30 horas dará inicio unha ruta pola comarca. Os moteiros sairán de Redondela en dirección Reboreda, pasarán por Pazos de Borbén, Mondariz, Xunqueiras e Moscoso, para regresar a Redondela. As 18.30 horas será a hora prevista do regreso da ruta e comezará a degustación de petiscos de balde para todos os asistentes. Ás 20.00 horas os presentes poderán gozar cunha exhibición acrobática a cargo de “NH-Pina e Jaque Stunt”. Ás 22.00 horas ofrecerán unha gran mexilloada de balde para todos os asistentes e ás 22.30 comezará a sesión musical con DJ Rubin. Xa á 01.00 haberá un segundo pase de exhibicións acrobáticas, a cargo tamén de “NH-Pina e Jaque Stunt” para finalizar a xornada cunha sesión DJ.
Os organizadores do Motoclub Redondela farán sorteos de agasallos ao longo da tarde, e durante todo o día haberá servizo de bebidas e bocadillos quentes no recinto. O presidente do colectivo, Carlos Figueroa, anima aos amantes de dúas rodas a participar “nunha das mellores xuntanzas moteiras da comunidade”.