
A Fundación Menela e a Federación Autismo Galicia organizan a Xornada Saúde e Autismo, e reúnen a recoñecidos profesionais do eido sanitario e da atención especializada a persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), para achegarnos as dificultades coas que se atopan as persoas con autismo para acceder ao sistema sanitario, e das estratexias de mellora da calidade da atención sociosanitaria que desenvolve a Administración para adaptar a prestación de servizos aos requerimentos e expectativas de colectivos con necesidades especiais como son as persoas con TEA e as súas familias, có obxectivo de facer do dereito a gozar do mais alto nivel posible de saúde unha realidade.
Nesta xornada, que terá lugar o vindeiro 5 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, na Sala de Conferencias da Sede Afundación de Vigo (Rúa Policarpo Sánz, nº 24 – 26), presentarase tamén o número 21 da revista MAREMAGNUM, publicación galega sobre o TEA, editada pola Federación Autismo Galicia.
A saúde é un principio básico na vida das persoas e, neste principio, “as persoas con discapacidade tal é o caso do Trastorno do Espectro do Autismo son uns cidadáns máis que, no ámbito da saúde e da asistencia sanitaria, poden presentar singularidades e especialidades que o sistema sanitario ten que atender e ao que ten que responder” (Cermi-Insalud). Porén, as persoas con autismo teñen necesidades asistenciais complexas e requiren dunha gama de servizos integrados que inclúan a promoción da saúde, a atención, os servizos de rehabilitación e a colaboración con outros sectores, coma o educativo, o laboral e o social.
No caso concreto de persoas con TEA, a atención sanitaria resulta complicada, en parte debido ás propias características deste tipo de trastornos, que poden contribuír a que as alteracións da saúde poidan pasar desapercibidas e enmascaradas por dificultades no procesamento de estímulos sensoriais, na percepción e resposta á dor, e tamén por dificultades á hora de comunicar os síntomas.
Existen outras complicacións na saúde que se asocian cunha frecuencia superior á media poboacional nos casos de persoas con TEA, como a epilepsia ou os trastornos do soño, que requiren unha atención sanitaria especializada. Tamén é necesario prestar unha especial atención ás habilidades de autocuidado e autonomía persoal que, debido a algunas dificultades asociadas na auto-planificación e organización de accións, así como na “autopercepción” do aspecto persoal, poden precisar de apoios especializados.
As persoas con TEA teñen unha forma diferente de ver e entender o mundo, polo que é necesario a articulación dun sistema de saúde flexible e comprensible que os teña en conta. Neste senso, as entidades de atención especializada e as Administracións Públicas traballan, de forma participativa e colaborativa, para superar as barreiras que impiden o acceso aos servizos sanitarios e que se traducen nun conxunto de boas prácticas que se recollen nos seguintes puntos:
sensibilizar e formar os profesionais da sanidade de cara a unha atención diferenciada e especializada do TEA, fundamentalmente as profesións de atención primaria e atención temperá; sensibilizar e formar os profesionais da sanidade no ámbito da atención especializada de cara a un mellor coñecemento dos TEA e dos apoios que poden facilitar a asistencia sanitaria e o coidado da saúde, a través da vixilancia da súa saúde, da adaptación dos procedementos de diagnóstico e de atención nas consultas médicas; desenvolver programas de desensibilización ao ámbito da sáude para o tratamento de medos e fobias; prácticas que melloran a accesibilidade cognitiva de espazos sanitario, da achega de materiais con axudas visuais (pictogramas), da adaptación dos tempos de espera etc.; desenvolver e divulgar materiais dirixidos aos profesionais sanitarios de referencia dentro da rede pública de servizos, así como protocolos de atención específica para as persoas con autismo.



