spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraRafa Domínguez confirma que se ten iniciado xa o procedemento administrativo da...

Rafa Domínguez confirma que se ten iniciado xa o procedemento administrativo da reforma de Santa Clara

Tras tres meses de traballo inxente para atopar solucións que desbloqueasen o proxecto de rehabilitación arquitectónica e ampliación de Santa Clara para converterse no sétimo edificio do Museo de Pontevedra, o vicepresidente da Deputación Rafa Domínguez acaba de confirmar que se ten iniciado xa o expediente de contratación da redacción do proxecto da actuación, “o primeiro paso para que a reforma do convento sexa unha realidade”. O orzamento básico de licitación, tal e como informou Domínguez, ascende a máis de 1,7 millóns de euros e abrangue tanto a redacción do proxecto como a dirección de obra.

Revista Cousas De Nº20

Nun primeiro momento, tal e como explicou o vicepresidente, pensouse en suspender o concurso internacional convocado polo anterior goberno, “debido ao formulamento non axeitado de empregar parte dos xardíns de Santa Clara como soto para o depósito non visitable de restos arqueolóxicos e á vandalización dun espazo natural que levaba 400 anos pechado ao público”. Sen embargo, despois de diversas reunións coa empresa gañadora, Nieto Sobejano, nas que se detectou “que non soamente entendía a nosa posición de elevar o grado de protección de Santa Clara e os seus xardíns senón que compartía a nosa visión do proxecto”,  e trala análise dos servizos técnicos da Deputación, que determinaron que modificar o proxecto non invalidaba o concurso, decidiuse que a empresa continuase co proxecto sempre e cando realizase as modificacións pertinentes.  “Quérolles agradecer a eficacia e vontade de todos os servizos implicados en sacar adiante este proxecto. En tres meses atopamos solucións para que a reforma de Santa Clara sexa unha realidade, cun proxecto museolóxico recoñecible e coherente dos sete edificios que protexe ao máximo o noso patrimonio”, asegurou o vicepresidente da Deputación.

O convento de Santa Clara será o sétimo edificio do Museo de Pontevedra

Deste xeito, Rafa Domínguez informou que o 18 de xaneiro xa se asinou o inicio do expediente de contratación para a redacción do proxecto e dirección de obra de rehabilitación arquitectónica e ampliación do recinto conventual de Santa Clara para uso destinado a Museo de Pontevedra. Este expediente será abordado na Xunta de Goberno do vindeiro 30 de xaneiro. “Trátase do inicio administrativo das obras, para que o proxecto de Santa Clara sexa real o antes posible”, asegurou o vicepresidente.

A partir de agora ábrese un proceso de negociación entre a Deputación e Nieto Sobejano no que se terá en conta, entre outras cuestións, o mellor prezo ofertado, a presentación dunha solución para a supresión do centro arqueolóxico, a proposta dun espazo de conexión, o respecto aos valores históricos e o acceso ao convento. Una vez rematado este proceso de negociación, a empresa deberá achegar o proxecto de execución da actuación para a reforma do convento. “Agardo que para o centenario do Museo, no 2027, as obras en Santa Clara estean totalmente rematadas”, asegurou o vicepresidente.

Un proxecto museístico global

O vicepresidente da Deputación informou que desde o primeiro momento a directora Ángeles Tilve alertou da “necesidade de contar cun proxecto museístico global que determinase onde teñen que estar as exposicións nos diversos edificios de cara ao futuro. Trátase dun proxecto fundamental, que está xa moi orientado, pois os visitantes precisan ver certa coherencia expositiva e os diversos edificios do Museo teñen que ter un discurso museístico lóxico, un diálogo entre o continente e o contido que precisa un traballo continuo entre o equipo de arquitectura e a dirección do propio museo”.

Ademais do proxecto museístico global, Domínguez  tamén puxo en valor o traballo desenvolvido polo novo equipo directivo do Museo que “tomou as rendas da entidade con dúas frontes moi complexas abertas: o proxecto dos dous edificios do museo que levaban 10 anos pechados e o de Santa Clara” e, pese a elo, presentou “un amplo programa expositivo para o 2024” e está xa a traballar “para organizar unha Bienal de Arte no 2025 de altísima calidade”.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.