Inicio Galicia Pulo definitivo á dobre candidatura da Ribeira Sacra a Reserva da Biosfera...

Pulo definitivo á dobre candidatura da Ribeira Sacra a Reserva da Biosfera e Patrimonio Mundial

Pulo definitivo á dobre candidatura da Ribeira Sacra a Reserva da Biosfera e Patrimonio Mundial

A Xunta dará un pulo definitivo á dobre candidatura da Ribeira Sacra a Reserva da Biosfera e Patrimonio Mundial coa posta en marcha dun plan de acción estratéxico que mellorará a protección deste territorio a nivel paisaxístico, ambiental e urbanístico e permitirá regular as futuras intervencións. Así se desprende dun informe analizado polo Consello da Xunta no que tamén se concretan as principais medidas.

Así o avanzou en rolda de prensa, o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo quen incidiu en que para seguir dando pasos adiante é necesario fortalecer as ferramentas de ordenación e protección deste espazo cun plan que contará cun investimento de máis de 3,5 millóns de euros e que se articulará a través de 10 propostas de actuación.

Así, en primeiro lugar, referiuse ao impulso dunha nova Área de Rehabilitación Integral xestionada polo Consorcio da Ribeira Sacra e integrada por 25 concellos, os mesmos incluídos na área de estudo do expediente remitido á Unesco no marco da candidatura a Patrimonio da Humanidade. Un “importantísimo asunto”, dixo, porque entre outros extremos financiará accións integrais de rehabilitación.

Outra das accións estratéxicas programadas que explicou o presidente da Xunta é a aprobación dun Plan Territorial Integrado para os 14 concellos considerados de máxima protección do BIC Paisaxe Cultural Ribeira Sacra, cun investimento de 500.000 euros.

Como terceiro punto, Feijóo avanzou que, a través do chamado Plan Hurbe, se financiarán proxectos de recuperación de espazos de elevado interese patrimonial que se atopen moi deteriorados. Ao respecto, e a modo de exemplo, resaltou a recuperación das contornas da igrexa de Santa María de Nogueira de Miño (Chantada) e do Mosteiro de Ribas de Sil.

Así mesmo, detallou que a cuarta acción será unha intervención integral na parroquia de San Fiz de Asma, no concello de Chantada, onde existe unha gran densidade de construcións que fan aconsellable fixar certas pautas de intervención sobre as mesmas.

Feijóo incidiu en que tamén se levarán a cabo accións en materia paisaxística. Por unha banda, unificaranse nunha soa as dúas áreas de especial interese paisaxístico que existen nestes momentos na zona (as do Canón do Sil e do Canón do Miño). E, por outro lado, porase en marcha un Pacto pola Paisaxe para promover a protección e mellora deste territorio. Unha iniciativa que contará cun investimento de 700.000 euros e que será xestionada polo Consorcio. Nesta mesma liña, elaborarase tamén un Plan de Acción da Paisaxe para os itinerarios de interese paisaxístico Chantada-Ponte Nova dos Peares e Monforte de Lemos-Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Sensibilización ambiental

A sensibilización ambiental será outra das prioridades do plan. Así, no marco do programa de educación medioambiental Voz Natura, deseñarase un proxecto piloto para que os centros escolares desta zona que participen poidan colaborar na recuperación de viñedos e zonas degradadas. E para fomentar un turismo sustentable e de calidade, desenvolverase tamén para a Ribeira Sacra unha nova ruta de Árbores con Historia.

Outra das accións previstas será a redacción dun estudo de impacto do cambio climático, co obxectivo de recoller datos meteorolóxicos e climatolóxicos das últimas décadas para detectar tendencias e impactos. “Isto servirá para desenvolver un estudo preliminar das tendencias futuras de certos parámetros como a chuvia e a temperatura”, precisou, subliñando que o plan de acción incluirá tamén a futura declaración da Ribeira Sacra como Reserva da Biosfera, unha iniciativa que xurdiu da man da Xunta a mediados do ano 2017.

“Non agardamos pola declaración como Patrimonio Mundial e Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra, senón que estamos xa actuando como se xa tivera a dobre certificación da Unesco”, finalizou o presidente da Xunta.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies