·Publicidade ·spot_img
InicioBaixo MiñoProtección Civil de Tui organiza un concerto solidario a favor de SOS...

Protección Civil de Tui organiza un concerto solidario a favor de SOS Tomiño Baixo Miño

Protección Civil de Tui organiza un concerto solidario a favor de SOS Tomiño Baixo MiñoO Teatro Municipal de Tui acollerá o sábado, 4 de decembro, ás 18 h un concerto solidario a favor de SOS Tomiño – Baixo Miño organizado por Protección Civil de Tui coa colaboración do Concello de Tui.

A entrada será 1 quilo de alimentos destinado á asociación asistencial que neste momento atende a 130 familias no Baixo Miño, das que 70 son de Tui. No concerto van participar o grupo folclórico Xuntanza de Randufe, a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, e a Banda de Gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei.  Para asistir ao concerto será preciso entregar un quilo de alimentos o mesmo día, non existindo reserva previa de entrada, e contando o evento co correspondente protocolo covid.

A presentación deste evento solidario tivo lugar este mediodía a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, de Juan Manuel González, presidente de Protección Civil de Tui e José Carlos Montes, representante de SOS Tomiño-Baixo Miño.

A entrada será un quilo de alimentos. Actuarán o grupo folclórico Xuntanza de Randufe e as bandas de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei e San Xoán de Paramos

Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, aproveitou a presentación deste evento para trasladar publicamente o seu agradecemento á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil polo traballo que realizan ao longo do ano de forma voluntaria e altruistra.  Dicía o rexedor tudense “temos unha débeda de gratuitude convosco”.  Engadía que tamén a ese traballo que realizan súmase agora a organización deste concerto solidario para SOS Tomiño-Baixo Miño “a quen temos que agradecer tamén o seu traballo para que as persoas máis desfavorecidas non lles falte o básico, coma son os alimentos”.  Amosaba tamén Enrique Cabaleiro o seu agradecemento ás tres agrupacións que van participar no evento e facía un chamamento ao público acudir e sumar o seu gran de area, en forma de alimento.

O concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, aproveitou esta presentación para destacar que tres membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil veñen de superar o curso de Protección a Vítimas de Violencia de Xénero.

Juan Manuel González, presidente de Protección Civil de Tui, explicou coma coa organización deste evento quixeron colaborar con SOS Tomiño-Baixo Miño. Amais dos alimentos que poidan recadar o día do concerto nas próximas semanas visitarán distintas empresas e establecementos tudenses solicitando tamén a súa aportación. E avanzaba que o día do concerto as persoas asistentes recibirán unha entrada numerada coa que entrarán no sorteo de produtos doados por distintas  empresas.

José Carlos Montes, en nome  SOS Tomiño Baixo Miño, agradeceu a organización deste evento que brindará alimentos ás familias que atenden na comarca, e tamén quixo dar as grazas ás tres agrupacións que actuarán pola súa colaboración.

- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade