spot_img
InicioAlto MinhoProfesionais da música e da cultura de Galicia e de Portugal uniranse...

Profesionais da música e da cultura de Galicia e de Portugal uniranse en setembro na Eurocidade Tui-Valença no marco da feira MUMI

Profesionais da música e da cultura de Galicia e de Portugal uniranse en setembro na Eurocidade Tui-Valença no marco da feira MUMITerá lugar do 9 ao 11 de setembro na Eurocidade Tui-Valença, con actividades dirixidas ao sector cultural e concertos abertos ao público

Profesionais da música e da cultura de Galicia e de Portugal uniranse do 9 ao 11 de setembro na Eurocidade Tui-Valença no marco da feira MUMI 2021, organizada co apoio da Xunta. O evento, que xuntará 18 bandas de ambas beiras do Miño, foi presentado hoxe en Tui en rolda de prensa.

Segundo se anunciou, o encontro, dirixido especialmente ao sector musical e cultural co obxectivo de crear novos mercados e destacar o talento creativo de proximidade ante programadores e técnicos culturais, vaise abrir tamén ao público xeral. Así, haberá concertos no Paseo da Corredoira e na Praza de San Fernando, en Tui, mentres que a oferta para profesionais, con sesións de traballo, conferencias e demostracións, terá lugar na Escola Superior de Ciências Empresariais de Valença.

Na rolda de prensa interviñeron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara Municipal de Valença, Manuel Rodríguez Lopes, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, ademais dos representantes do equipo organizativo, Emi Candal pola banda galega e José Costa pola portuguesa, que deron a coñecer a programación. A súa xornada inaugural será o 9 de setembro coa estrea da Orquestra Galego Portuguesa de Liberación, unha extensión da Orquestra Galega de Liberación baixo a dirección de Xacobe Martínez Antelo e coa improvisación como nexo común.

O cartel componse de nove bandas e artistas procedentes de Galicia e outros nove de Portugal. No caso galego mantivéronse os nomes que estaban previstos o pasado ano, no que a feira tivo que ser cancelada por mor do contexto derivado da covid-19. Trátase de Familia Caamagno, Magín Blanco e A Banda das Apertas, Oîma, Os d’Abaixo, O Sonoro Maxín, Pálida, Pulpiño Viascón, Silvia Penide e Xacobe Martínez Antelo Quinteto.

Pola súa banda, Portugal abriu unha convocatoria na que resultaron seleccionadas Barry White Go Wrong, Cassete Pirata, Conjunto!Evite, emmy Curl, Jorge da Rocha, José Valente, Kaústika, Ruma, The Guit Kune Do. Deste xeito a feira mostra a diversidade e a riqueza das escenas galega e portuguesa, con representación de música tradicional, electrónica esencial, jazz, funk e pop de autoría.

- Publicidade -spot_img