Esta é a primeira intervención científica realizada na Citania, un feito de grande relevancia debido ao intenso expolio sufrido ao longo das décadas
A primeira sonda aberta no Parapeto do Castro permitiu identificar un sistema defensivo e recuperar diverso material cerámico, actualmente en análise, que podería corresponder á Idade do Ferro (Ferro I ou Ferro II, entre os anos 1200 e 550 a.c.). Ademais, o equipo está a traballar noutras dúas catas adicionais, unha delas cunha posible estrutura habitacional que aínda se atopa en fase inicial de estudo. Está previsto abrir dúas novas catas máis, acadando un total de tres ou catro puntos de escavación simultáneos.
Entre o material recuperado destacan tamén varias pezas de cerámica que contribuirán a establecer unha cronoloxía precisa do poboado.
Na zona de A Croa do Castro, a parte máis elevada da citania, os traballos veñen de comezar e polo momento non se documentaron estruturas concluintes.
Visita aos traballos para coñecer os primeiros achados e a metodoloxía da intervención
O alcalde Luis Piña visitou o venres pasado a Citania das Grades acompañado da arqueóloga e directora da intervención, Oria Ferreiro Diz, do grupo TEMPOS ARQUEÓLOGOS para coñecer sobre o terreo o avance dos traballos tras a primeira semana de actuación científica no xacemento. A arqueóloga explicou que o obxectivo principal desta fase é obter cronoloxías seguras, buscando niveis de uso e depósitos estratigráficamente pechados que permitan datacións fiábeis.
Durante a visita, a directora explicou ao Alcalde o procedemento de conservación que se aplicará esta semana:
- Todo o escavado quedará tapado o venres ás 17:00 horas.
- Antes de cubrir co sedimento orixinal, colocarase unha malla de xeo textil para protexer as estruturas e garantir a súa correcta conservación.
- O geotextil quedará instalado de maneira indefinida, a non ser que nunha futura campaña se decida intervir de novo nesa zona.
- As estruturas non poden quedar expostas ao aire sen un programa de consolidación, xa que a choiva e a erosión degradarían os restos en poucos días.
A arqueóloga explicou que, de aparecer unha estrutura significativa —por exemplo, unha cabana—, podería consolidarse nun prazo curto con arqueólogos e restauradores especializados. Non obstante, toda consolidación require un plan técnico previo para determinar que, como e cando se intervirá.
Un proxecto histórico para A Cañiza
Tras a súa visita, o Alcalde destacou a importancia de que aos nosos veciños poida seguir de preto esta intervención: “Queremos que a xente viva connosco este descubrimento. É un momento histórico para o noso concello.” Recordou ademais que o comezo das prospeccións é posible grazas á expropiación dos terreos, culminada o 12 de xuño de 2024. O Concello incorporou ao patrimonio público 113.446 m² distribuídos en 43 parcelas, cun investimento de 158.365,92 € destinado á protección e recuperación deste espazo arqueolóxico.
A intervención arqueolóxica conta cun investimento inicial de 21.680,78 €, financiado ao 100% pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia 2025 – Liña 2, e contempla:
- A limpeza integral do recinto e do perímetro amurallado.
- A corta controlada de eucaliptos e a eliminación de especies invasoras.
- As primeiras sondaxes en zonas de alta potencialidade.
- A prospección sistemática e o rexistro planimétrico completo do recinto.
- A redacción da memoria técnica e o control arqueolóxico, cun importe de 3.533,20 €.
A actuación conta con todas as autorizacións da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que establece que os materiais deberán depositarse no Museo de Pontevedra nun prazo máximo de seis meses.



