spot_img
InicioGaliciaPreto de 50 voluntarios recollerán información sobre os usos do medio mariño...

Preto de 50 voluntarios recollerán información sobre os usos do medio mariño e as aves mergulladoras das Illas Atlánticas

Preto de 50 voluntarios recollerán información sobre os usos do medio mariño e as aves mergulladoras das Illas Atlánticas
Praia das illas cies dende o miradoiro

Os equipos de traballo organizaranse en grupos de catro persoas e quendas de 13 días durante os que se establecerán dous puntos de observación, en Cíes e en Ons

O prazo de inscrición para participar na iniciativa abriuse esta semana e as actividades comezarán o próximo 15 de maio e prolongaranse ata o 30 de setembro

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a organización ecoloxista WWF colaborarán durante os próximos cinco meses nunha campaña de voluntariado no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia para obter información sobre as actividades humanas que se desenvolven nas augas do arquipélago e as poboacións de aves mariñas mergulladoras presentes na zona. Este é o segundo ano consecutivo no que as illas acollen esta actividade, que ten como principal obxectivo contribuír á conservación da vida mariña no espazo natural.

Os voluntarios organizaranse en equipos de catro persoas e quendas de 13 días. A primeira comezará o próximo 15 de maio e a última desenvolverase a finais de setembro, de xeito que os traballos nas illas prolongaranse durante case cinco meses. En vista do éxito da primeira convocatoria, ofertaranse máis prazas para formar parte da campaña deste ano, na que participarán 44 persoas (incluídos os monitores de WWF) distribuídas entre as 10 quendas de traballo previstas.

O labor dos participantes nas illas consistirá na realización de actividades de observación directa das zonas previamente identificadas do Parque Nacional a través de aparellos ópticos axeitados e ferramentas para o seu posicionamento. Durante cada quenda, fixaranse dous puntos de observación: os primeiros seis días a base de traballo estará en Cíes e os restantes, en Ons. Os distintos grupos irán recollendo e anotando información que describa a situación observada (localización exacta, número de aves e actividade observada, número de embarcacións…) incluíndo, de darse o caso, posibles capturas accidentais.

Coincidindo co día de inicio de cada quenda, os participantes deberán presentarse na Oficina do Parque Nacional das Illas Atlánticas en Vigo para recibir unha primeira formación a cargo de membros de WWF co fin de garantir o correcto desenvolvemento da campaña. Desde alí, trasladarannos en barco ata Cíes, onde continuarán co apartado formativo desde un punto de vista práctico. O sétimo día o equipo será trasladado a Ons para continuar coa segunda fase dos traballos e a última xornada, xa de regreso a Vigo, aproveitarase para facer unha avaliación global da quenda.

Grazas á información que se recompile durante toda a campaña, aumentarase o coñecemento existente sobre os usos humanos do medio mariño no Parque Nacional (pesca, actividades náuticas e recreativas, turismo, transporte…) e tamén a información dispoñible sobre as poboacións de aves mariñas e o uso que fan das augas desta zona.

Observación de ceos nocturnos e inscricións

Unha das novidades salientables da campaña deste ano será a organización nas illas de observacións astronómicas nocturnas, unha actividade moi atractiva tendo en conta que desde o ano 2016 o Parque Nacional conta co distintivo de destino turístico Starlight, un selo avalado pola Unesco e que recoñece a calidade dos ceos nocturnos de espazos naturais de todo o mundo para a contemplación das estrelas.

Todas as persoas interesadas en participar nesta iniciativa de voluntariado nas Illas Atlánticas poden inscribirse xa a través do seguinte enlace. Para poder intervir como voluntario, o solicitante terá que ser maior de idade, ter coñecementos básicos de ornitoloxía e estar familiarizado co manexo de aparellos como prismáticos ou telescopios, e dispor da resistencia física, autonomía e responsabilidade mínimas necesarias como para poder camiñar e observar aves durante varias horas.

A participación na actividade será totalmente gratuíta, correndo a cargo de WWF todo o material requirido e os gastos de manutención durante a súa estadía nas illas, mentres que do transporte en barco e o aloxamento encargarase a dirección do Parque Nacional, que tamén porá a disposición dos voluntarios para labores de apoio aos seus axentes e técnicos.

- Publicidade -spot_img