A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, desprazouse hoxe ata o Concello de Nigrán para presentar “O Teu Camiño” a proposta de Prado Surf Escola no marco da primeira edición do programa “O Teu Xacobeo” que o Goberno galego puxo en marcha no 2019.
Unha iniciativa destinada aos escolares de Galicia que da man de Prado Surf Escola, tal e como explicou a súa directora Lorena Vilán consiste na realización de varias etapas do Camiño de Santiago, apoiadas nun concurso fotográfico; a participación en charlas de concienciación medioambiental e actividades relacionadas, como a recollida de residuos nas praias, e un bautismo de surf. En total 10 xornadas, en horario de 9.00 a 16.00 horas, que comenzarán a partir do 1 de maio, en caso de que a situación sanitaria así o permita, e que se estenderán ata finais de xullo. Conta cun apoio económico da Xunta de Galicia de 17.431,96 euros.
A delegada territorial destaca o éxito do programa autonómico, que na súa segunda edición permitirá dinamizar a programación sociocultural do Xacobeo con 220 propostas por un importe de case 3,3 millóns de euros
Tras recordar que no marco da primeira convocatoria de “O Teu Xacobeo” están a levarse a cabo proxectos nuns 140 concellos da Comunidade, Fernández-Tapias exemplificou nas preto de 1.000 solicitudes rexistradas na nova edición o éxito deste programa autonómico. Así, a delegada sinalou que esta segunda edición permitirá desenvolver un total de 220 propostas orientadas a dinamizar a programación sociocultural deste Ano Santo que se estenderá ata o 2022, destinando un investimento de case 3,3 millóns de euros.
Unha actuación coa que a Xunta de Galicia, dixo, busca a implicación e a participación de toda a cidadanía na programación deste Xacobeo, co obxectivo de que “sexan eles mesmos os que conten as súas historias e experiencias nos distintos roteiros do Camiño de Santiago”.
Segundo informou, os beneficiarios desta última convocatoria están xa a desenvolver os seus proxectos para o que contan de prazo ata o próximo mes de setembro, tras a concesión dun aprazamento por culpa da covid-19 co obxectivo de que poidan dispoñer de máis tempo para levar adiante os proxectos propostos.



