Este venres 19 de setembro, ás 20:30 horas terá lugar a presentación do libro dun lago escuro (Xerais, 2014), o poemario gañador do Premio Johán Carballeira 2013, autoría da escritora Marta Dacosta.
O evento contará coa presenza da autora, quen estará acompañada polos escritores Miguel Anxo Mouriño e Pedro Feijoo Barreiro. O acto como é habitual terá lugar na Aula de Cultura Ponte de Rosas, na Avenida da Feira nº10, baixo en Gondomar.
O libro gañador do Premio Johán Carballeira 2013
A nadadora é a metáfora das mulleres e homes que atravesamos un lago escuro como o tempo que vivimos. A nadadora, de costas, fixa a súa atención na luz do ceo, prefire ignorar que por baixo da tona da auga hai un fondo escuro en que podrecen os cadáveres, en que se ocultan as verdades pestilentes. Este poemario é unha reflexión aceda sobre a implicación e a aceptación, sobre o descoñecemento e o desinterese. Os poemas do libro fálannos da mentira, do dano, da descomposición social. As imaxes, surrealistas, como soños xeroglíficos, anúnciannos a realidade. E a auga é auga sólida sobre a que transitamos en equilibrio, torrentes de auga para varrer o refugallo que nos inunda; augas quietas que nos afogan. Existe a verdade? Quen e como a constrúe? Ou vivimos na mentira dunha realidade aparente?
Marta Dacosta (Vigo, 1966) publicou os libros de poemas: Crear o mar en Compostela, premio de poesía O Grelo 1993; Pel de ameixa, Premio González Garcés 1995; Setembro, premio Martín Códax 1998; En atalaia alerta, accésit do Premio Esquío 1999; As Amantes de Hamlet (2003); Cinza (2009); Acuática alma (2011) ; Argola, Premio de poesía O Figurante 2013 e dun lago escuro, Premio Johán Carballeira, 2013 (Xerais, 2014) . Deu á luz o libro de viaxes Baixo Miño, investigou sobre a sintaxe do galego medieval e publicou estudos sobre a obra poética de Manuel María, X. L. Méndez Ferrín ou Victoriano Taibo. A súa obra poética está recollida en diversas antoloxías.