A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, particpou este xoves na presentación da campaña “Cada neno un xoguete 2023” que impulsa a Asociación Stop Vigo para levar miles de regalos este Nadal ata as casas dos máis pequenos. Durante o acto celebrado no Centro Comercial Gran Vía, a representante autonómica animou aos vigueses a participar na iniciativa que xa cumple a súa décimoquinta edición.
Acompañada pola vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias; do xerente do centro comercial, Fernando Pinto, e o organizador da campaña, Carlos Leiro, a delegada felicitou aos impulsores da campaña solidaria e agradeceu a colaboración de entidades privadas e voluntarios.
Segundo apuntou, a recolecta de agasallos comezou o pasado mes de outubro e finalizará o vindeiro 4 de xaneiro, cando levarase a cabo a entrega aos nenos e nenas viguesas. “Temos que conseguir que todos os nenos sorrían este Nadal porque a súa alegría será a nosa e por iso gustaríame tamén pedir a todos os vigueses que participen e doen”, sinalou.
Pola súa banda a vicepresidenta animou á cidadanía a “sumar o noso gran de area para conseguir que ningún neno de Vigo nin da provincia sexa consciente do que lle falta. Consigamos sumar sorrisos, sexamos solidarios e aportemos ese xoguete en bo estado que temos gardado” para colaborar coa campaña, que está en marcha ata o 23 de decembro.
A responsable provincial en Vigo e na área convidou á cidadanía a contribuír e superar as cifras acadadas no 2022, ano no que se repartiron máis de 16.000 xoguetes, ben directamente ou a través das entidades e organizacións benéficas colaboradoras.
Asemade, Fernández-Tapias amosou o compromiso do Goberno provincial co benestar da cidadanía da provincia. “É o noso obxectivo que os nosos veciños, vivan onde vivan, teñan as mesmas oportunidades e posibilidades, e traballaremos con esforzo para conseguilo”, anotou.
Na edición do pasado ano 2022 foron recollidos máis de 16.000 xoguetes e ao longo das edicións celebradas a suma elévase ata máis de 88.000 regalos donados. En 2016 a campaña foi nominada para os premios Influence Awards, organizados pola firma Influencity, no apartado Mellor Campaña (Influence Campaign).